portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
08/09/2019
Clubtura non está conforme cos horarios propostos pola Xunta no novo catálogo de actividades
10/09/2019
O Museo de Pontevedra acollerá nove actividades dentro do Cantos na Maré: de música a cine pasando por unha performance de Antón Reixa.
09/09/2019
Eels no Auditorio de Galicia, 8-setembro-2019
27/08/2019
A caboverdiana Mayra Andrade e Enredadas (Martirio, Uxía, Carmen París e Ugia Pedreira), primeiras artistas confirmadas no 15 aniversario de Cantos na Maré
22/08/2019
O Cantos na Maré regresa do 13 ao 15 de setembro para celebrar por todo o alto a súa 15ª edición
19/08/2019
Xosé Miguélez "Ontology"
Dios Ke Te Crew "O ciclo da serpe"


A aparición dun álbum do colectivo Dios Ke Te Crew volveu tardar varios anos. “Xénese”, primeiro álbum de hip hop en galego, saiu en 2006, tres anos despois de se crear o proxecto a partir de formacións da escena rapeira de Ordes coma 5 Talegos e Ghamberros. A boa aceptación e a autoesixencia fainos agardar até 2011 pola continuación “Humanose”. Dous anos despois e con só dous discos celebraron a “Xira dos 10” anos que levaban subidos a un palco e presentaron un par de temas novos: “Dez” e “Heroes”. Desde entón agardabamos por novo material mentres eles seguían a crear e colaborar en proxectos multidisciplinares coma DesOrdes Creativas ou Rexenera Fest, e tamén musicais, onde salientamos o disco de Sokram “Chuvia ácida” (2014) e a actividade dun García MC que rematou por saír do colectivo; polo menos nesta etapa. Porén, a espera volveu a pagar a pena porque este “O ciclo da serpe” probablemente sexa o seu mellor disco, o álbum mellor acabado do agora cuarteto.

DJ Murdock, Sokram, Mou and Jamas manteñen os sinais de identidade que fixeron de DKTC o referente dun hip hop que convence tamén a quen non escoite moito neste estilo. Unha proposta aberta no musical, con bases que tiran de estilos diversos (jazz, rock, reggae, hardcore, funk, electrónica ...) e unha fervenza de rimas retranqueiras para falaren de cousas preocupantes ou revitalizantes da realidade cultural, social e política. Seguen á marxe dese rap que se mira o embigo e reivindican a vertente de transformación social, de activismo, dunha concienciación clara perante o capitalismo salvaxe que induce a non deixar de crecer e consumir até convertir o planeta nunha “Montaña de lixo”. Se as mensaxes chegan e afiánzanse mellor cando se evita o panfletarismo, DKTC demóstrano con textos traballados desde a intelixencia e lucidez. Abren significativamente con “Silencio”, sobre a lei mordaza e estes tempos de suposta corrección, censura e linguaxe manipulada, e pechan coa apocalíptica “Melancolía”, inspirada no filme de Lars Von Trier. Falan do seu entorno próximo e a lóxica relación de amor e odio: Ordes é a protagonista de “15680”; do auxe da estrema dereita en “Plvs Ultra”; da xestión dos residuos; da incongruencia ou a hipocrisía vencellada á industria da guerra e a inmigración ... Non obstante, compensan o carácter serio destes problemas con doses de bo humor e ganas de festa en “Cacharela”, sobre a noite de San Xoán, “A cachimba” (coa colaboración do Hermano L. de La Puta Opepé), a volta ao campo e a autoxestión en "Reinicio" ou as maneiras da Guardia Civil, de novo cuns cortes falados co cabo Ameneiro (voz de Miguel de Lira) e o agente Gutiérrez (Felipe González). Ademais destas colaboracións, contan con Croma no instrumental "Trance", os Alto Asalto en “7 pecados” e os ventos de Manu Payn, Martiño D. Mato e Serxio García, as guitarras de Santino, os pianos de Inés Mirás, os teclados de Javier Pardiñas ...

Gravado no seu estudio Rapapoulo e coa masterización de Cem Oral en Berlín, “O ciclo da serpe” é unha recompilación de mensaxes de conciencia, sátira, compromiso e denuncia ben presentadas na forma de cancións cheas de creatividade. Ao igual que o deseño físico, tamén coidado e complexo. Neste vemos, coas ilustracións de Lidia Cao e a dirección artística do propio Sokram, un uróboro ou serpe que se morde a cola para referirse a un ciclo eterno e un mundo que se devora a si mesmo. Por certo, a serpe cobra vida cunha animación de A. L. Crego a través dunha aplicación de móbil. Dios Ke Te Crew son mostra da mellor vella escola que non deixa de vivir e mollarse no seu tempo e lugar.

Pepe Cunha. 19-xuño-2019



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo