portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/11/2019
Dani Flaco "Al alimón"
28/10/2019
Guadi Galego "Immersion"
22/10/2019
Ortiga "Chicho y sus chichas"
15/10/2019
Caniche Macho "Venganza"
13/10/2019
Jorge Drexler volve sorprender con "Silente". Pazo da Cultura de Narón, 12-outubro-2019
09/10/2019
Sabela King and the Heartbreakers
Guadi Galego "Immersion"


Unha colección de “grandes éxitos” co engadido dalgún tema inédito, un disco de duetos, unha reinterpretación en acústico, con orquestra ou big-band ... son distintos xeitos de facer parada e revisar a produción dunha artista. Porén, hainas cunha inquedanza e compromiso artístico moito maiores que calquera interese por agradar ou compracer. Entre elas, atopamos aquí a Guadi Galego revisando a súa “triloxía do mundo” nun auténtico tour de force: mergulla parte do seu repertorio noutras sonoridades coa implicación de moitas artistas e, nun posicionamento claro e xeneroso de compromiso a prol da diversidade, cántano nas diferentes linguas da Península. De partida, unha proposta singular e talvez única, pero que corre o risco de quedar niso, na anécdota, se o resultado non chega a emocionar. Mais quen segue a Guadi Galego non queda na primeira impresión e sabe que fai ben.

Con este reto, case todas as cancións reciban títulos novos porque, algunhas moito, outras non tanto, cambian con respecto das versións orixinais. Estas xa están aí para quen as prefira e agora a artista invítanos a acompañala con outras visións que, tras varias escoitas, confirman que suman no seu universo sonoro. Máis concretamente ese que nos abriu hai cinco anos cunha “Mergullei” que aquí se torna electrobailábel (“Immersion”) na compaña do seu amigo de tempos máis tradi Álex Insua. Tras mencionar o aspecto electrónico, cómpre cualificármolo de sutil, en concordancia co carácter minimalista do álbum. As voces “só” van acompañadas dunha guitarra, un piano, unha txalaparta, unha base ou unha caixa de música, e aquí salientamos a complicidade creada na co-produción cos cataláns Vic Moliner e Pau Bragado, chaves para que o disco manteña elegancia e coherencia dentro da súa diversidade. Se pensas que unha canción debe conter moitas cousas para ser grande, escoita, por exemplo, a única canción inédita: “Balada de verán” coa maxia de Germán Díaz na instrumentación e o arxentino Lisandro Aristimuño debutando en galego; como probablemente fai Iván Ferreiro en “Cedeira”.

Entre tantas colaboracións haberá as que atraen ou causan receo e cuxo resultado non sempre nos enche, pero as escoitas confirman o compromiso de ofrecer cancións reelaboradas canda a autora, interpretadas con novas texturas e expresadas nas diferentes linguas, cunhas adaptacións coidadas ao catalá, asturianu, éuscaro, portugués, occitano aranés e castelán. “Immersion” é máis que un disco da Guadi Galego compositora e intérprete. É do seu mundo xeneroso e en aparencia sinxelo, ese no que comparte, no que transmite moito con pouco, alimentado por emocións, afectos e complicidades. Como creadora non deixa de se cuestionar, de probar, e neste caso cunha roupaxe cativa foi quen de reinventar cancións tan potentes coma "Fronteiras", "Chea de vida" ou "Matriarcas". Pero que dicir das novas xoias que son “Balada de verán”, “Fronteres”, “Tribua”, “Cantar para ver” ou “Sen remordementos”... ? Para rematar, é de xustiza mencionar abaixo as colaboracións como aparecen na contracapa dun libro-disco precioso con debuxos de Leandro Lamas e fotos de Carlos Abal.

Pepe Cunha, 28-outubro-2019

“Immersion” con Álex Insua
“Fronteres” con Clara Peya e Judit Nedderman
“Privilegio” con Vega
“Cedeira” con Iván Ferreiro
“Cantar para ver” con Silvia Quesada e Alfredo González
“Vas entá naut” con Alidé Sans
“Balada de verán” con Lisandro Aristimuño e Germán Díaz
“Tribua” con Mikel Undargarín e Javier Otero
“Reconociéndome” con Andrés Suárez
“Matriarcas brilhantes ativistas” con Ana Bacalhau e Abe Rábade
“En silencio con respecto” con Sisters in the House
“Sen remordementos” con Xabier Díaz
“Balada de verano” con Lisandro Aristimuño e Germán Díaz



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo