portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
10/09/2020
concerto de A Pedreira no Val de Lourenzá.
25/08/2020
a gran festa do jazz coa maior jam session da historia este domingo en Lugo
20/08/2020
Primeiros nomes do "Revenidas‌ en conserva": Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría
12/08/2020
Luar na Lubre "Vieiras e Vieiros: Historias De Peregrinos"
05/08/2020
nace o festival Sons da Canteira, que terá lugar o próximo 29 de agosto na Canteira de Vilafría (Porriño).
04/08/2020
o IV festival Jazz de Ría programará tres noites de jazz galego no Cantón de Molíns
o IV festival Jazz de Ría programará tres noites de jazz galego no Cantón de Molíns


nota:

Despois de repensar espazos e propostas para adaptarse ás circunstancias impostas pola COVID-19, o festival Jazz de Ría presenta unha cuarta edición que pese a todo, conserva intacta a esencia do festival e a súa aposta pola calidade, a diversidade, a posta en valor do patrimonio e do territorio, e o apoio incondicional ás propostas artísticas galegas. Do venres 14 ata o domingo 16 o Cantón de Molíns vibrará co mellor jazz galego.
O Festival Jazz de Ría celebrará a súa 4ª edición do venres 14 de agosto ata o domingo 16, defendendo unha vez máis a excelente calidade do jazz galego e o valor do territorio como estratexia para convertir á comarca de Ferrolterra nun lugar de referencia cultural e turística.

O Concello de Ferrol móstrase satisfeito pola seguridade coa que se vai celebrar o evento e pola calidade da programación que unha vez máis pon á cidade como punto de referencia dentro do circuito de festivais de jazz da península, e que en só tres edicións ampliou notablemente o seu público e a súa repercusión mediática cunha proposta singular en canto a espazos e músicas, nomeado na categoría de Mellor Festival na edición 2018 dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA.

Neste ano, marcado pola alarma sanitaria, o festival modifica as súas ubicacións habituais para poder garantir todas as medidas de seguridade e distancia interpersoal. Co foco posto en conseguir que o Jazz de Ría sexa un evento seguro, tanto para o público asistente como para os artistas e o equipo técnico, o festival concentrará toda a súa actividade no Cantón de Molíns, un espazo con capacidade e condicións que permiten adaptar o festival ás circunstancias actuais e cumprir con todas as medidas de seguridade e distanciamento social, acollendo ao maior número de persoas posible e garantindo que poidan gozar dos espectáculos de forma segura.

O Cantón de Molíns súmase á lista de espazos patrimoniais que o festival trata de poñer en valor. Este parque, que foi deseñado por Julián Sánchez Bort a mediados do século XVIII, cunha construción intimamente relacionada co deseño do barrio da Magdalena, é hoxe un dos espazos máis característicos de Ferrol, e pode presumir de ter sido a primeira alameda pública de Galicia, cuxo paseo, agora maioritariamente de plátanos e magnolios, discorre en paralelo á muralla do Arsenal e ao seu foxo.
Este ano o festival concentra toda a súa actividade no Cantón de Molíns para que as persoas poidan gozar dos concertos de forma segura. O programa desta edición apoia a escena jazz galega ao tempo que se evitan desprazamentos.
PROGRAMA
O cartel desta edición concéntrase nas mellores propostas de jazz do noso territorio, para evitar desprazamentos e para continuar apoiando a enorme calidade da escena jazz galega, un compromiso que o festival adquiriu dende a súa primeira edición. A participación de todos os tipos de público tamén é unha parte importante da filosofía do festival. Todos os concertos son abertos e gratuítos. Para garantir mellor o control de accesos e a seguridade das persoas asistentes será preciso reservar entrada. As reservas estarán dispoñibles a partir do luns 10 de agosto ás 12:00 horas en reservas.gal

O festival fará a súa apertura o venres 14 coa sorprendente proposta de MARCOS TEIRA e TON RISCO. A Galiza non é terra de flamenco, pero tampouco é lugar onde abunden os vibrafonistas de jazz. Quizáis é por iso que estes dous músicos infrecuentes se buscasen para vivir un affair musical no que cordas e láminas conforman unha mini orquestra dirixida por uñas e baquetas. Dous instrumentos de forte carácter percusivo e timbres diferentes que se atopan nun novo entendimento. Dúas persoalidades musicais con experiencias diversas, pero con puntos en común que, sen outra intención que a de disfrutar un do outro, xuntan na música deste dúo unha colección de temas que abrangue standards de jazz, música sudamericana, flamenco ou temas de composición propia. A maxia dun encontro inesperado: Ton Risco (vibráfono) e Marcos Teira (guitarra).

A continuación, no concerto de PABLO SANMAMED TRÍO o jazz e a world music vanse dar a man con temas do esperado disco debut da banda “16/04”, cheo de melodías das que fican na cabeza e que van crear unha atmosfera especial na que se suceden valsas afrancesadas, horos romaneses e sabores varios das músicas de transmisión oral nun proceso de deconstrución musical desde a linguaxe do jazz. O contrabaixista Pablo Sanmamed, cunha amplísima traxectoria profesional, acompáñase para este trío de Iago Mourinho (piano) e Bruno Couceiro (batería).

O sábado 15, abrirase coa enerxía das EJAZZ, dúas veces galardoadas co Premio Martin Códax da Música na categoría de grupos vocais e coros, no 2017 e no 2019. Coa voz como único instrumento, Ejazz levan percorrendo os principais clubes de jazz, salas de concertos e festivais galegos dende o 2012. Á fronte da formación atopamos a Carmen Rey como arranxista e directora musical; completando o cuarteto, Ángeles Dorrio, Marga Ramos e Betty Queiro. Versións de jazz, soul, bossa nova ou funk harmonizadas a capella para estas catro impresionantes voces.

E a continuación, jazz para bailar coa proposta de POR MÍ, SWING, unha banda especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50, que engloba diferentes estilos, cada un co seu baile asociado, todos eles populares na primeira metade do s.XX. Falamos de lindy hop, claquette, balboa, charleston, collegiate shag…, estilos que rexurden nos anos 80 e que cada vez teñen máis adeptos. Esta banda, formada por dúas voces femininas, unha voz masculina, contrabaixo, saxo, piano, batería e guitarra, buscan co seu espectáculo que o público abandone o papel contemplativo do espectador e participe a través do baile, que é o combustible que realmente alimenta aos músicos en escena.

O domingo o festival pechará a súa cuarta edición con XAN CAMPOS TRÍO, unha das bandas máis estables á vangarda do novo jazz, que foi inalista nos Premios Martin Códax da Música 2020 a mellor proxecto de jazz e músicas improvisadas. XAN CAMPOS TRÍO é o proxecto máis persoal de Xan Campos, unha proposta de jazz contemporáneo difícil de etiquetar e en continua ebulición, unha viaxe que comparte con Horacio García no contrabaixo e Borja Barrueta na batería. No escenario do Cantón de Molíns van presentar temas do seu terceiro traballo, Realismo, continuidade de Orixe Cero e Ectropía, recoñecidos pola súa orixinalidade e por conseguir sentar as bases dun estilo propio máis alá deste xénero musical.




Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo