portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
18/05/2022
Holgado "O fillo de Suso"
12/05/2022
Ilegales, J. P. Bimeni, Al Dual, De Vacas e Adrián Costa Blues Band actuarán no FiBE 22
11/05/2022
A artista canadense Kee Avil, a banda chilena Newen Afrobeat e a artista española Verde Prato conforman o regreso do ciclo Liberdades Sonoras a Lugo
04/05/2022
Devalo "Luz / sombra"
26/04/2022
A 6ª edición do Jazz de Ría terá escenarios en Narón, Neda e Cedeira
21/04/2022
XIV concurso de maquetas Millo Verde
Los Eternos "Sonora"


Malia nos ofreceren en novembro de 2019 un adianto do que sería este disco, non foi até case dous anos despois que a banda cedeirense presentou o seu terceiro longa duración. A pandemia veu frear aquel momento de reactivación que supuxo “Vientos solitarios” (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019), o álbum que os afastaba, e non só temporalmente, do debut “Back on the road” (Warner, 2010). O cambio ao castelán e a entrada de Álvaro Lamas na pedal steel guitar resucitou e enriqueceu unha proposta da que agardabamos esta confirmación. E non tardamos en constatar que ese acougo provocado pola reclusión da pandemia foi aproveitado con acerto.

Autoproducíronse e gravaron case na casa (os Estudios Bajocero con Víctor Gacio como enxeñeiro de son), reducindo as présas e favorecendo ás revisión e maceración das cancións. Así saen vitoriosos dunha ampliación de estilos e matices (sons californianos, rock, folk ou western) sen abandonaren o country nortemericano e o tratamento pop de melodías, coros e retrousos ben definidos. Ademais, o binomio compositivo entre a banda e Arantza Navarrete está máis que afianzado, con textos de nostalxia, melancolía, esperanza como "Bienvendido", "El rey de tus dudas" ou "El tiempo", celebración da vida e amor tras a morte (“El Vals de los Quebrantos”) ou mesmo denuncia (“Dioses en la pared" sinala os vendedores de fume que queren impoñernos as súas crenzas). E para finalizar, dúas guindas en forma de versión e instrumental. “Inexorable” é unha adaptación estupenda da "One Hundred Years From Now" de Gram Parsons para esa biblia que é o “Sweetheart Of The Rodeo” de The Byrds; e "Sonora" titula e fecha o disco con ar western.

O de Los Eternos non desmerece de traballos do rock americano en castelán de Los Secretos, Más Birras, La Frontera ou os primeiros Duncan Dhu. A steel de Lamas segue a achegar ese plus de distinción e o resto dos instrumentos cumpren coa súa angueira ao servizo da canción. Con só tres álbums é un pouco gratuíto falar do seu mellor álbum, pero si de que o disco -en CD ou en fermosa edición en vinilo vermello- se escoita de principio a fin, dun tirón e con agrado.
Editan Ferror Records e Milana Música.

Pepe Cunha, 16-xaneiro-2022



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo