portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
08/06/2022
Seso Durán "Ascensión"
20/05/2022
Os abonos do Sinsal SON Estrella Galicia 2022 sairán á venda o vindeiro xoves 26 de maio
18/05/2022
Holgado "O fillo de Suso"
12/05/2022
Ilegales, J. P. Bimeni, Al Dual, De Vacas e Adrián Costa Blues Band actuarán no FiBE 22
11/05/2022
A artista canadense Kee Avil, a banda chilena Newen Afrobeat e a artista española Verde Prato conforman o regreso do ciclo Liberdades Sonoras a Lugo
04/05/2022
Devalo "Luz / sombra"
Xabier Díaz "Levantarse e caer"


Malia levar anos dun recoñecemento grande e merecido pola súa traxectoria canda as Adufeiras de Salitre, Xabier Díaz non vive no acomodo e decide volver compartirmos unha colección de cancións. Non é unha continuación nin de “Músicas de salitre” (2005) nin de “Coplas para Icía” (“07) nin de “Arrolos de salitre” (”10), álbums anteriores baixo o seu nome, mais deles tira xeitos da música melódica e o pop, do son tradicional galego e os arrolos. Sete composicións propias e tres alleas - “Regalitos” de Luna Monti e Juan Quintero, a marabillosa “Luchín” de Víctor Jara e “Cançao de ninar” de Sara Leite – aquelan a liña argumental.

En conxunto, Xabier canta á infancia, á natureza e a paisaxe, aos recordos asimilados desde unha perspectiva adulta. Cuestiona certos valores, apunta a compartirmos e querérmonos máis e mellor para mellorar a realidade que nos arrodea. E faino cun acompañamento musical para degustar: Josete Ordóñez na produción, guitarras e mandolas precisas, os debuxos dos acordeóns de Pedro Pascual, a maxia das caixas de música e zanfonas de Germán Díaz e os dúos e coros brillantes de Antía Muíño. Complementando puntualmente apreciamos achegas puntuais de Alex Tobías e Manu Masedo nas percusións e de Guillem Aguilar e Marco Ferreiros nos baixos. “Infancia querida” é todo un himno, “Levantarse e caer” unha recompilación de referencias xeracionais, “María e a curuxa” unha sorte de bolero pop, os arrolos “O meu neno”, "Nana do sol" ... en definitiva, un feixe de pequenas delicadezas.

Por iso cómpre achegármonos sen présas, con calma. Non se trata dun disco rachador ou festeiro, que reclame atención ou levante o ánimo, pero si un traballo honesto, vital, que Díaz fixo coa mellor das razóns: apetecíalle compartirnos estas cancións, estes “Arrolos e abrentes” (subtítulo do disco) que invitan a un público amplo e tanto á escoita lixeira ou relaxada como a unha máis atenta coa que apreciarmos os matices sonoros e vocais, con Xabier transmitindo esa calidez de seu. E ese agarimo que recibimos musicalmente acompáñase visualmente na edición física cun texto de María Canosa, as fotografías de Vari Caramés e tamén a maiores cunha edición limitada cunha caixiña de música para escoitar un dos arrolos.

Pepe Cunha, 13-abril-22

repertorio
“Levantarse e caer”
“Luchín”
“Infancia querida”
“María e a curuxa”
“O melro azul”
“Festa do bosque”
“Cançao de ninar”
“Regalitos”
“O meu neno”
“Nana do sol”



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
Gaudi Galego - Pepe Cunha - Edicions Embora
musicosaovivo