portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
13/11/2019
Dani Flaco "Al alimón"
28/10/2019
Guadi Galego "Immersion"
22/10/2019
Ortiga "Chicho y sus chichas"
15/10/2019
Caniche Macho "Venganza"
13/10/2019
Jorge Drexler volve sorprender con "Silente". Pazo da Cultura de Narón, 12-outubro-2019
09/10/2019
Sabela King and the Heartbreakers
Magín Blanco "A nena e o grilo nun barquiño"


Hai tres anos Magín presentábase ao público infantil co exitoso "A nena e o grilo". A idea troncal de publicar cancións das que podamos gozar nenos e nenas de todas as idades segue aí, así como a transmisión de valores positivos sen abusar do simplismo tan predominante no mercado infantil. Tamén repite o formato de libro disco, mais non cae no continuismo ou a repetición. Desta vez acompaña as cancións das doces e coloristas ilustracións de Leandro Lamas e o engadido de contos e actividades creativas. Unha edición física que semella ben acaída para que maiores e pequenos compartan o material.

En canto ao contido musical, o cambio é máis notable pois Magín asume a produción musical e traballa os arranxos con Jorge Juncal (Macfeck, Faltriqueira, Gasgasgas ... ). Seguramente na achega de Gasgasgas ao disco tributo "Doutor Apertas" atopou o apoio para plasmar as ideas desta nova colección. De feito, a voz feminina de Gasgasgas (María "Faltriqueira" López) pon o contrapunto vocal na maioría das cancións.

Este golpe de temón non implica que o acabado resulte mellor ou peor que o anterior, senón simplemente diferente. Magín segue en magnífico estado de forma compostivo pero aquí se amosa máis pop, abrindo un abano de cancións colorista e ecléctico. Afortunadamente, hai lugar nestas 13 cancións para as que lembran bos momentos do anterior, como os dúos finais con Uxía na emocionante "A nana da avoa" (única peza non composta por Magín) e con Luanda Cozetti en "Soñar". Asemade, varios músicos repiten, como os Berrogüetto Guille Fernández (guitarra e baixo) e Isaac Palacín (percusión).

Magín Blanco dá un recital de tradición pop en pezas que poden chegar do country máis popular en "Happy" ao rapeado en "A formiga e a lúa" pasando polas pezas baseadas no piano ao Burt Bacharach; sempre co protagonismo na melodía e o retrouso que nos atrapan con coidada facilidade. As letras son todo un acerto, incluíndo personaxes entrañables, imaxes, referencias, xogos de palabras e sons. No instrumental non se abusa máis do necesario, pero abondan os efectivos detalles instrumentais: o acordeón de Juncal en "Don Ramón", "Happy", "Adiviña"... Anxo Pintos ao violín en "Voga Voga" e á zanfona en "A nana da Avoa", Serginho Sales ao piano en "Meu amor estoupa", "Rocanrol Dragón" ou "Soñar", Clara Pino na arpa ... Sen desmerecer nin un chisco as cancións xa mencionadas, a doce "María e a poesía" co seu chu-chu-chururuchú e "Todos somos capitáns", un marabilloso himno á amizade e o compañerismo, son de sobresaínte.

Sen dúbida, un acerto do selo DoFol.

Pepe Cunha, 24/04/2013



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo