portada
       concertos
       novas
       discos
       crónicas
       artistas do país
       webs amigas

          actualizacións
15/02/2019
The Last Internationale "Soul on Fire"
20/02/2019
Ciclocéano “Líneas de meta”
19/02/2019
CUAC FM. Continua a disputa legal: A Xunta de Galicia presenta recurso de Casación ante o Tribunal Supremo
14/02/2019
Los Radiadores "Puño en alto"
12/02/2019
o Revenidas desvela as primeiras confirmacións do seu cartel para este 2019
11/02/2019
Sinsal SON Estrella Galicia, do 25 ao 28 de xullo de 2019 na Illa de San Simón (Redondela)
cuarteto caramuxo "arrieiros somos"


Se non fose porque de vez en cando tiñamos nova dalgunha actuación ao vivo ou sinais de vida no facebook, poderiamos pensar que este peculiar cuarteto de seis xa non existía. Sería unha mágoa, pois hai máis de 7 anos gañaran o Festival Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza e grazas a iso gravaran un primeiro disco, o notábel “Tiruriru”. Neste apuntaban que partindo do tradicional caían na tentación de se achegar a estilos diversos sen perder a compostura. O seu non era unha mestizaxe que perdía o sentidiño, aínda que si os prexuízos.

Agora chega un segundo disco onde vemos que entre os seis seguen Patricia Cela (percusión), Xoán Carlos Vázquez (clarinete soprano), Óscar Prieto (clarinente soprano e baixo), Felipe Agell (clarinetes requinto e soprano) e Fernando Abreu (clarinete soprano, baixo e contrabaixo). Xa que logo, só houbo un cambio na formación: Alonso Caxade marchou para se centrar no proxecto propio e entrou outro acordeonista notábel como Marcos Padrón. Xa nas primeiras escoitas, o que sinto ao escoitar a súa música e o que despois leo no libreto dunha presentación física fermosísima: “Procuramos novos camiños musicais coa intención de ofrecer variedade sen renunciar aos nosos principios de elegancia e bo humor con referencias a músicas e ritmos recoñecibles”.

Coas excepcións de “Mazurka de Laroá” e “Apertura”, parten do legado musical de Castro Sampedro Folgar que lles fixo chegar o seu amigo Xavier Groba na súa tese de doutoramento. As pezas do canto galego de tradición oral son para estes músicos punto de partida ou obxecto de xogo e recreación para rematar uns instrumentais que de seguro funcionan aínda mellor ao vivo, onde amosan presenza escénica e certa teatralidade. Con maior descaro do que escoitabamos no seu debut, o Cuarteto Caramuxo sorprende saíndo por calquera estilo (funk, reggae, soul, jazz, valse, swing, aires centroeuropeos ...) e non perde nin un chisco de xeito e sutileza. Velaí o seu maior mérito.

Segundo os ouvidos e os ánimos, algunhas cancións entrarán máis fácil ca outras, se se me desculpa a obviedade, pero todas teñen premio máis ou menos gordo para quen deixa a un lado os prexuízos, sexan a música instrumental, a improvisación, a falta de estruturas facilmente recoñecibeis ou os instrumentos máis vencellados ao tradicional ou clásico. "Equerquellequer", a máis achegada ao jazz clásico "O crime", a negritude reggae e soul de "A min" ou a tolemia de "Arrieiros somos" son das miñas favoritas. E non sería de estrañar que dentro dun tempo o sexan outras, pois este disco non se deixa atar polas modas.

Algúns necesitamos de cando en vez discos coma este para realimentar a nosa paixón pola música; así, en xeral.

Pepe Cunha, 25-agosto-2015



Escoitar Abrete de Orellas nas ondas
vitaminasparaogalego
folmusica
musicosaovivo
Manifiesto la cultura no es un lujo
apoio o Ateneo