

nistal y vosotros sin saberlo
Este asturiano debutou con "Diez motivos para viajar de noche" (Liliput Records) porque si, porque tiña unha morea de cancións e unha pequena ilusionada discográfica creu nelas. Chamáranlle a atención pola súa personalidade, polo súa falla de ampulosidade ou pretenciosidade, porque eran expresión musical, ao marxe da parafernalia da industria. Suponse que as letras teñen que ser persoais desde o momento que é unha determinada persoa quen as escrebe, mais a cotío atopamos demasiados terreos e patróns comúns. Se por persoal referímonos á procura dun selo propio, Ricardo Nistal merece a cualificación, pois plasma sentimentos propios en textos para facelos cancións. Iso segue presente tras a boa aceptación do primeiro disco, mais agora tocaba subir un chanzo, crecer e confirmar que é un bo compositor dun pop directo e claro. Nese empeño fichou por Closer e nestas dez novas cancións evoluciona un chisco ao engrandecer, sen perder o encanto acústico, a súa proposta instrumental. A sabia producción de José María Rosillo e a aportación de xente como Igor Paskual, Juan de Dios ou Xoel López. O coruñés fai dueto en "No tengo miedo al fracaso", unha das cancións destacables do disco canda "No te quiero ver", "Golpes (algo más)" ou "Ojalá tú", sen esquecer a letra de "Odio tocar en directo". O inconveniente para o recoñecemnto de Nistal pode ser ese moverse no terreo demasiado personal para as radiofórmulas e demasiado sinxelo para moderniñ@s. Ou non é un problema? No my space. PEPE CUNHA 15/04/07
holywild no me mires así
E á terceira se fixeron comerciais, poderiamos dicir, no senso positivo, destes cataláns dos que xa comentamos o anterior "Electric Garden". Explotan os retrousos sen deixar de ofrecer unhas cancións traballadas, agora en castelán, con enerxía, positivismo e asequibles para todos os públicos. Apostan por cancións directas como gancho: "No me mires así", "Alguien especial" ou "Somos raros", traendo á mente ás veces a uns Sidonie, outras a uns Pereza. M ais tamén a eles mesmos algo máis reflexivos ou apesadumbrados en "Quédate a mi lado", "Hikikomori", "Siempre acabo igual" ou "La última vez" onde non perden personalidade e se arredan o xusto do posible encasiñamento. Parabéns por unha aposta que merece recoñecemento. En my space (PEPE CUNHA 17/04/07)
yer soul yer soul
Primeiro longa duración desta banda que bebe claramente das fontes dos nomes míticos e as diferentes tendencias do pop e o rock dos 60 e os 70. Nesta amalgama, os 14 cortes deste álbum homónimo móvense entre os 2 e os 3 minutos, evitando o posible abuso das cancións con toque progresivo, por exemplo. Desde a súa formación en Murcia capital, este cuarteto foguouse con éxito por festivais e as cancións deste disco son boa proba diso, pois semellan prestar máis sobre as táboas. Fáltalles quizais algún hit co que chamar a atención cara á súa proposta que, por certo, esta cantada en inglés na súa maioría a pesar de acertos como "Ingrávida obsesión" ou "Un Picasso en el sillón". A voz de Jacobo Serra lembra en ocasións á de Iván Ferreiro, nese toque algo infantil ou descarado. Interesante debut. PEPE CUNHA 15/04/07
centro-matic operation motorcide EP
O proxecto máis coñecido da banda texana liderada por Will Johnson (tamén en South San Gabriel e a Undertow Orchestra) regresa, nin 2 anos despois de "Fort Recovery". Nestes oito temas que quedaron fora dun extenso álbum, apreciamos que o sempre destacable e uniforme papel das guitarras rachadas queda un pouco a un lado en beneficio da variedade: suaves teclados e silencios en “All This Fresh Mutany”, certos detalles electrónicos, riffs case blues cercanos ao rock sureño en "Blood on the Floor" ou "74 cuts, 74 scars", onde tamén destaca a percusión e, por suposto, as melodías vocais características (lembremos a súa visita a Santiago con Micah P. Hinson). Máis cercana ao pop, "Atlanta" encantaría aos fans duns Jayhawks, o folk rock ben presente en "Blood on the Floor", a triste e doce balada "A Celebrated Grime", a espiral “Circuits To Circuses” ... Se estas cancións quedaron fora do anterior álbum só se pode afirmar que o de Will Johnson é un gran talento. PEPE CUNHA 17/04/07
raülmoya y el trío miniña la nueva era glacial
Raülmoya, que non acaba de chegar, pois toca con élena, Miqui Puig, Sitcom, Romodance e Refree, debuta acompañado de El Trío Miniña cun disco de lembranzas, de corazón, moi cercano emocionalmente. De feito, desde a harmónica que abre o primeiro dos 13 temas lembra a álbumes tipo "Heartbreaker" de Ryan Adams ou "Honestidad brutal" de Andrés Calamaro, polo seu carácter espido, confesional e polas referencias musicais, mais non por soar a mera copia. No caso de Raül Moya, a influencia folk-rock vén bañada polo aire mediterráneo e latino, destacando tamén o ben escrito que está e o emprego de acordeóns ou percusións de xoguete, ademais da instrumentación máis habitual. Todo contribuíndo a conseguir ese encanto da sinxeleza e a proximidade de cancións como "A dios mi vida, adiós", a afrancesada "Bon automne 05", "Nana folk en Fa mayor", a máis ianquis "Miedo al miedo" ou "Rían con sentido" e mesmo a homenaxe a grandes do bolero en "El boleraso de Simón". Para degustar sen complexos e na tranquilidade dun parón no camiño. Editan Rhonda Records - Houston Party bbb PEPE CUNHA 17/04/07


