discos
comentados en abril 08_2
máis en arquivo

m clan memorias de un espantapájaros

O rock español nunca andivo sobrado de boas bandas de rock de corte clásico, desas que poden chegar a moito público facendo boas cancións en castelán. Se había dúbidas sobre esta banda murciana, este disco vai disipalas pois, sen dúbida, é o seu traballo máis completo. De principio a fin as cancións deféndense con personalidade propia e comparten no lírico e no musical o rasgo común dunha fermosa melancolía, esa que conxuga as agridoces consecuencias das batallas coa esperanza das raiolas de sol e a coraxe dos que seguen a levantarse.  Carlos Tarque canta as súas mellores letras sen pudor, con honestidade e credibilidade e Carlos Raya, como fixera xa en discos de Quique González ou Sr. Mostaza, volve a marcarse unha estupenda produción, na que brillan sempre na súa xusta medida e no seu lugar a tremendamente compacta base rítmica, a melodía que marca a guitarra de Ruipérez e os detalles de Boli nos teclados e de Raya nas cordas. E, coma é habitual, todos eses referentes dos M Clan aparecen nalgún momento e fermosamente asimiladas: os Stones (“Amor universal”), Rod Stewart (“Balada del desarraigado”), Beatles, ACDC nos riffs e un sintetizador como os de “Who´s Next” (“Pasos de equilibrista”), o soul (“Roto por dentro” é un magnífico single). Hai rabia en “Las calles están ardiendo” que porá nome á súa xira, desamor na magnífica “Canción de invierno”, fusión dun pop beatle co country en “Las palabras que me dijiste”, emocionantes medios tempos como “Espantapájaros”, a stoniana “Amor universal, e o temazo “Inmigrante”. E coma guinda, un estupendo deseño e libriño acorde cunha xa referente colección de cancións. http://www.myspace.com/mclan2008 PEPE CUNHA 08/04/08

la shica trabajito de chinos s

Aviso @s despistad@s, a fusión está en alza. De que vai esta vez? Pois Elsa Royayo, La Shica, fusiona copla con rap, pero rap ao “como me la maravillaría yo” de Lola Flores. Como ocorre coa fusión, a proposta en principio pode soar tan atractiva como excéntrica, polo que ao final o que importa é atopar un estilo, certa solidez no resultado e, a ser posible, plasmalo en cancións. E referentes exitosos como Ojos de Brujo hai poucos. Tras unha década interpretando en directo un repertorio con banda, este seu primer álbum, "Trabajito de chinos", xa se abre coa autodescriptiva " Zíngara rapera”, explícita declaración de principios. Afortunadamente, aquí temos un álbum irregular, é un debut, mais con bos momentos, especialmente na instrumentación e na voz. Outra cousas son as canción en si, mais ben escasas, aínda que destaquen unha versión nada máis e nada menos que de “María de la O”, que sae moi revolucionada musicalmente, "Sol de mi sol", "Viviendo con el viento", a bacilona "El probador" ou "Dos carnes paralelas" con Miguel Poveda. Fora de España xa colleitaron éxito ("Nunca me han sorprendido las buenas críticas que hemos tenido en otros países porque fuera de España se aprecia mucho todo lo que huele a jamón de pata negra", asevera La Shica) e pode que este ano sexa unha das revelacións. PEPE CUNHA 08/04/08

sr. chinarro ronroneando

“El mundo según”, un dos álbumes do 2006, mostraba unha tendencia á simplificación nas composicións de Antonio Luque, un deses segredos a voces d@s oíntes menos pasiv@s e sumis@s. Estas 11 novas cancións veñen afondar nesa liña sen perder o selo característico dun dos letristas máis destacables do panorama español.   Amor e desamor contado con “chispa” e intelixencia e cantado con honestidade. Dous exemplos: “ Aquel bicho que te haya picado bien merece un documental ” canta en “Los amantes reñidos” e “ Suspendido en la autoescuela del amor platónico / no sirven de nada estas notas, sólo apruebas el teórico” en “El teórico”. Sen dúbida, o feito de contar coa súa banda de acompañamento máis conxuntada ata o momento dá coma resultado máis estructura de canción, cos detalles xustos liderados pola guitarra de Jordi Gil (especialmente delicada en “San Antonio”). Reminiscencias británicas como a guitarra ao Johnny Marr de “Tímidos” ou The Cure en “Los amores reñidos” ou “La resistencia””, pero tamén aires de feira en “El teórico” e lírica popular en “San Antonio”. Mellor ou peor que álbumes anteriores? Irá co gusto de cadaquén, pero o que queda claro é que Luque segue en excelente forma compositiva e xa soa a tópico e inxusto tildalo de ”difícil de asimilar” con cancións como “Los ángeles”, “Anacronismo” ou as xa mencionadas, Está claro que o problema está no público, non no artista. http://www.mushroompillow.com ; http://www.myspace.com/srchinarro  PEPE CUNHA 08/04/08

adam green sixes and sevens

O quinto álbum deste peculiar crooner-pop volve ofrecer un bo feixe de cancións, ata 20. En manos dalguén tan versado e apaixoado polo pop, e pola música popular en xeral, tantos temas dan para moito. Entre surreal e incoherente, sarcástico e ata provocador, algo tolo e desprexuizado, o ex-Moldy Peaches xoga con sutís orquestracións, ventos, coros góspel, temas curtos, directos e deslabazados, ofrecendo un álbum en conxunto inconexo, pero que cando dá na diana, ofrece grandes momentos: "Morning After Midnight", "Broadcast Beach", "Tropical Island", "You Get So Lucky" coa súa frauta andina, "Rick Kids" ... Quizais non chegue ao nivel de "Gemstones" ou "Jacket Full of Danger", pero alguén tan inquedo e talentoso non quere repetirse senón divertirse. E nos a disfrutar do seu carisma e as súas disfrutables melodías. http://www.myspace.com/adamgreen1. Distribúe SinnamonRecords PEPE CUNHA 06/04/08

sr. chinarro
la shica
memorias de un espantapájaros
adam green
m clan
ronroneando
sixes and sevens
trabajito de chinos