



mercedes ferrer intermedio 1986-2006
Mulleres con presencia na historia do pop rock español non é que haxa moitas. E se xa procuramos persoalidade e talento compositivo, a lista faríase aínda máis pequena. Se me pediran nomes, á miña mente viríame inmediatamente o de Mercedes Ferrer, da que aquí presentamos un álbum repaso aos 6 traballos de longa duración que entre 1986 e 2003 editou. Como non podía ser menos, inclúense 2 novas cancións coma reclamo para @s seguramente pouc@s que venceran a dificultade de se faceren cunha discografía dispersa en distintas discográficas. Coma exemplos coñecidos do respeto e aprecio que seus colegas de profesión lle teñen, citaremos a súa participación coma voz solista no tema "Vivimos siempre juntos" de Nacho Cano, a súa presencia na xira e disco "Freak Show" de Bunbury coa marabillosa "Fantasía" (aquí incluída en espida versión acústica), participante na xira da Plataforma de Mujeres Artistas ou que foi a creadora e promotora do concerto homenaxe ás victimas do 11-M "De todo Corazón". Precisamente o fermoso "Madrid despierta" que con ese motivo compuxo aparece aquí co acompañamento da voz e o piano de Carmen París. O outro tema novo, "Sigue brillando en mí" está producido por un Teo Cardalda capaz ás veces de boas cousas. Sen dúbida, esta recopilación inédita é unha ocasión inmellorable para (re)coñecer cancións coma "El árbol de la magia", "Tela de araña" (aquí sen o acompañamento de Rafa de La Unión), "Tiempo futuro", "Tengo todas las calles", a máis comercial e bailable "Mueve la máquina", "Adiós", "Intermedio"... En definitiva, mostras da elegancia e a intensidade da voz e os textos de toda unha currante coas cousas ben claras. PEPE CUNHA 13/08/06 web artista.
sufjan stevens the avalanche. outtakes and extras from the illinois album
O seu álbum "Illinois", parte dun ambicioso proxecto de adicar un álbum a cada estado dos EUA, foi aclamado por crítica e público (avezado, iso si). Nas listas de Rockdelux do 2005 acadou o terceiro posto segundo os críticos e o cuarto segundo os seus lectores. Tamén para MondoSonoro estivo entre o mellor do ano pasado. Mentres agardamos polo álbum sobre o seguinte estado da unión, aparece esta compilación, tan longa como o álbum xa coñecido, de versións distintas e demais material que quedou fora. Como ocorre con artistas en período de incontinencia compositiva, córrese o risco de aburrir con "moita palla", mais no caso que nos ocupa non estamos, afortunadamente, perante un caso coma "El salmón" de Calamaro. "The Avalanche..." non lle vai á zaga a "Illinois" e volta amosar unha audaz escolma de retrousos con guitarras hiperroqueiras, falsetes, instrumentais minimalistas de longo e tolo título, folk que soa pop, pop tinxido de country, ar de vodevil con trompetas (irresistible "The Henney Buggy Band"), personaxes ("Saul Bellow", "Adlai Stevenson"), lugares ("Carlyle Lake")... Un artista documentado, multiinstrumentista, que manexa as estructuras da música popular do seu país e que non carece do humor, como amosan os subtítulos de dúas das tres versións alternativas da fermosa "Chicago": "adult contemporary easy listening version" e "multiple personality disorder version". Moi moi aproveitable. PEPE CUNHA 15/08/06 sinnamon
femme fatale femme fatale
Segundo álbum desta formación de punk rock electrónico: riffs de guitarra, electrónica, hits potenciais, directos e bailables coma "Wanna Dance?", "Human". A fotógrafa e viaxeira Flo pon voz aos delirios maquineros de Dave Zorton. Eles son os cerebros desta formación que compartiu cenario cos Delorean e Franz Ferdinand o xoves 20 de xullo en Castrelos. PEPE CUNHA (07/06) web da banda
magín blanco ella...
A primeira lembranza que un ten de Magín Blanco remóntase á escoita na TVG do tema "La canción de Otis Redding" da banda que entón lideraba. La Rosa era unha formación de pop rock ourensá que editou traballos entre 1989 e 1994 e entregou boas cancións que quedaron na memoria dun público máis afeccionado ou sensible ás súas composicións. Este é o caso da asociación Felicia, argalladora do Felipop, festival no que tiven o pracer de coñecer a un Magín que tras once anos volta editar un álbum. E poderiamos dicir, se non considerasemos tan longa e innecesaria a espera, que pagou a pena, pois atopamos moitos motivos de disfrute nesta colección adicada á muller: esa nana que é "Veño ou vou?" na que Magín está fermosamente acompañado pola voz de Uxía Senlle, "Palomita" nun encantador dúo con Gloria Van Aersen (si, a parte aínda presente neste mundo das Vainica Doble, cos seus máis de 60 anos), o sinxelo potencial que é "Volveré" (con Laura Arbiol aos coros), a sabia influencia do Dylan arredor do 65 en "Ella...", a observación de personaxes de "Purita" e "Qué sabes tú?", a melancolía de "Aquellos días".. e o bo son da banda (Segundo Grandío ao baixo, Isaac Palacín na batería e percusións e Pepe Losada nunhas cordas moi americanas e atinadas para este disco) e a produción de Grandío. Exemplo desta calidade e traballo pode ser "Soneto", o tema que pecha o disco co recitado de Nancho Novo (e a súa harmónica) sobre un coidado fondo musical. Fermoso traballo para os que gosten do pop maduro de influencia americana e da cercana voz de Magín. Inclúe making-off e vídeo clip. PEPE CUNHA 13/08/06 web do artista, web da discográfica