discos
comentados en decembro ´06_02
máis en arquivo
orquesta sinfónica y coro de RTVE
tango sinfónico
varios artistas
do it again: a tribute to pet sounds

orquesta sinfónica y coro de RTVE tango sinfónico

Outro xeito de achegarse a unha ducia de coñecidas pezas porteñas, como o propio director e arranxista porteño Juan José García Caffi comenta: "No fue mi intención hacer arreglos de tango al uso, no era ese el cometido, pero sí mostrar con esta abstracción musical otro aspecto de la atmósfera y el espíriru de la música de Buenos Aires". Interpretadas en directo no Teatro Monumental de Madrid no mes de xullo de 2006, "Nostalgia", "Cambalache", "Mi Buenos Aires Querido" (co bandoneón de Jorge Lema e o coro de RTVE), "Milonga triste" (co barítono Isidro Anaya), "Caminito" (cantada por Patricia Nora), "Tanguera", "Taquito militar" "El firulete" e catro pezas de Astor Piazzolla, o imprescindible renovador do tango: "Verano porteño", "Coral", "Calambre" e "Fuga y misterio". Como ocorre nestes casos, a chave do disfrute pode estar na capacidade de cadaquén de deixar a certa distancia as interpretacións máis habituais. Se iso se consegue, estamos ante un bo agasallo. PEPE CUNHA 15/12/06 RTVE Música

yani como el más grande era gigante

A banda de Aranda de Duero regresa con once mostras de indie-pop melódico que reflicten sentimentos agridoces e melancólicos alternando momentos de crudeza e escuridade ("Saltar") con outros máis luminosos. Entre estes a pegadiza "Tal vez" (que probablemente algúns atoparán repetitiva ou algo cursi) e a arroutada sixtie de "Coches de alquiler". A sombra que sobrevoa o disco é a dunha muralla sónica menos marcada que a de Los Planetas pero moi similar traballo na melodía. Así, a sosegada "Lisboa" (outro dos acertos do álbum) e "Peter Pan" lembran inmediatamente ao xeito de confesarse ou plasmar lembranzas dos de J. Ademais, non se cortan en recoñeceren que “Cenas de empresa" foi composta tras un concerto de Lori Meyers ou en titularen unha peza onde xogan cos sintetizadores sobre un atinado retrouso "Arcade Fire". Alberto, Ismael e Javier non pretenden inventar nada, mais si buscan desmarcarse desas influencias que non lles importa recoñecer. Ás veces acertan máis (as distorsións e certa incitación ao baile de "Nada", "Nada es nada" ou "Pretendes" son máis momentos a destacar), outras menos (o toque psicodélico de "Cenas de empresa" cansa un pouco e "Baghdatis" trae á mente os primeiros Radiohead), pero asinan un álbum digno no seu conxunto para quen goste da chamada escena indie en castelán. Para @s demais, tamén con xustiza, pasará desapercibido. PEPE CUNHA 15/12/06

feliu ventura alfabets de futur

"Que no s´apague la llum", o seu disco e xira de 2005 con Lluís Llach, foi un éxito por onde pasou e precisamente nuns estudios facilitados por Llach foi onde se prepararon as cancións deste seu cuarto álbum en solitario. Boas composicións, sen artificios e con letras coidadas, coa sinceridade primando por riba da ornamento máis superfluo e unha identidade propia, ao marxe dun posible concepto de álbum. Sobre as influencias, o cantautor xativí é claro: "A verdade é que falar de referentes musicais no 2006 é absurdo, tendo en conta que vivimos na era da sobre-producción e a sobre-información, así que todo inflúe, incluso o que non queres escoitar". Por resumir e facernos unha idea, poderiamos falr dunha ponte entre raíz saxona (compositores nunha onda Ben Harper, Anni DiFranco, Norah Jones...) e o Mediterráneo. As colaboracións non son meras figuracións senón presencias útiles: a voz de Àgata Casas (Dijous Paella, Safànoria), o trombón de Marcos Úbeda (Obrint Pas) en "D´accord, d´accord", a voz de Miquel Gil e a dolçaina de Miquel Gironés (Obrint Pas) en "Si vens (lloc 4)", o acordeón diatónico de Nùria Lozano (La Carrau), Lluis Llach pon voz e piano en "El pes d´un somriure", "Habitar-te" e "Alacant (per interior)". Paga a pena rachar a barrera idiomática procurando a traducción na web do artista, pois hai moi cancións tan boas coma, por citar as miñas favoritas, "Alacant -per interior-", "El pes d´un somriure", "Creix" ou "Tot el que arriba amb el vent", onde di: "Aprendín a buscar por todas partes / verdade nas rúas - e mentira nos papeis - / por iso na noite quero ser / lúa chea e puño crecente / o desexo para avanzar / e razóns para comezar." PEPE CUNHA 15/12/06 Propaganda-Pel-Fet

vv aa Do It Again: A Tribute To Pet Sounds

Neste ano celébrabase o 40 aniversario da edición dun dos álbumes verdadeiramente imprescindibles na historia da música popular: "Pet Sounds" dos Beach Boys. Neste disco tributo que nos ocupa, as trece cancións do mítico álbum "refanse" (como indica ben o título do it again) en mans de artistas que se distinguen precisamente pola súa independencia, carácter propio, personalidade ... Xa que logo, o acerto deste proxecto radica en que os intérpretes non buscan manterse preto de orixinal senón aportar as súas visións das cancións, desde algunha ben tola (Vic Chesnutt) a outra máis "respectuosa" co orixinal (Mazarin). O disco non pasa desapercibido e o debate sobre, e as listas de, preferidas e odiadas xa leva tempo aberto. Os Oldham Brothers e Micah P. Hinson ofrecen unhas recreacións espidas, vocais e ata low-fi, Dayna Kurtz devolve o tema ás súas orixes tradicionais, Daniel Johnston resta transcendentalismo, Vic Chesnutt, Patrick Wolf e Architecture in Helsinki apostan por xogar con voces e efectos, Nobody poñen a electrónica, The Wedding Present fan un taciturno "Caroline No" ao tenebrismo (!) ... As miñas favoritas son Dayna Kurtz con "Sloop John B", os Centro-Matic cun "Don´t Talk (Put Your Head On My Shoulder)" que me lembra ao Neil Young dos 70, o xa mencionado Mazarin con "I Konw There´s An Answer", un Daniel Johnson que non se amilana con "God Only Knows", a inmediatez e cercanía de Micah P. Hinson en "I´m Waiting For the Day", Architecture in Helsinki con "Pet Sounds", o "Wouldn´t It Be Nice?" dos Oldham Brothers, as trompetas de Antenna Shoes en "Let´s Go Away For a While" ... Será que me gustan case todas ou a todas lles atopo algo. En definitiva, un estupendo proxecto para disfrutar sen prexuizos con bastantes benditos tolos... como Brian Wilson. PEPE CUNHA 15/12/06 www.houstonpartyrecords.com

yani como
el más grande era gigante
feliu ventura
alfabets de futur