

quique gonzalez & la aristocracia del barrio
quique gonzález & la aristocracia del barrio avería y redención #7
Presentar ao Quique xa deixou de ter sentido hai tempo, pois falamos do seu sexto disco de estudio e non perde as súas ganas de seguer crecendo como compositor e intérprete. Este primeiro disco sen o apoio de Carlos Raya conserva rasgos recoñecibles dos anteriores álbumes a pesar de ser todos o suficientemente diferentes para non amosar estancamento ningún. O mesmo ocorre coas súas influencias (Dylan, Petty, Wilco, Ryan Adams, Young ...) sempre aí pero cada vez máis e máis asimiladas, soando a el mesmo. Esta é unha nova colección que simplificando moito poderíamos colocar entre o "Kamikazes enamorados" polo risco e "La noche americana" polo son. A estas alturas de traxectoria, 17 cancións asinadas por Quique dan para un disco completo, de moitas escoitas para cuestionalo ou admiralo en máis dunha ocasión. E iso é o mellor deste disco, que ten moitos matices que disfrutar, (re)coñecer e incluso obviar, segundo o oínte. Como alguén que o segue desde o seu debut discográfico, considero este álbum a un nivel altísimo, aproveitable a cada escoita: o compacto son de banda americana, a rabia de "La casa está vacía", as cancións que duran o que teñen que durar (unha obviedade non sempre cumprida), unha voz cada vez máis versátil, ora composicións ao piano ora magníficas guitarras, unha estupenda versión acústica de "La vida te lleva por caminos raros" de Diego Vasallo, a delicadeza romántica de "Doble fila" ou "La cajita de música", un bo dúo co Leyva (Pereza) en "Avería y redención", textos con tanta "chicha" como case sempre .... E din que o DVD da edición especial está á altura do disco. Resumindo, que segue a crecer afianzando un selo persoal. De cantos podemos dicir isto a nivel estatal ? PEPE CUNHA 07/12/07
triángulo de amor bizarro el hombre del siglo V
Sen dúbida TAB son a banda saída de Galicia que máis deu que falar no último ano a nivel estatal. Debido probablemente a este tirón, sae unha colección das súas primeiras demos e tres cancións gravadas para a ocasión. Aparte de escoitar as xa coñecidas "¿Quienes son los curanderos?", "El himno de la bala" ou "El fantasma de la transición" en versións demo, de cando a banda tiña máis compoñentes (e polo tanto outros elementos como teclados analóxicos) un apenas destacaría unha "Pantalones abajo marinero" que ben podía ter aparecido no debut discográfico. Non obstante, antóxaseme que só acada valor como complemento dese debut homónimo que tanta expectación causou. Quen non gusten do debut pouco atoparán aquí para mudar a súa opinión e moito para reafirmarse, dado que, a pesar destas meritorias gravacións, a produción de Carlos Hernández fixo moito para consolidar o son noise da banda. Edita Mushroom Pillow. PEPE CUNHA 07/12/07
tarik y la fábrica de colores el hueso y la carne
Quen agardabamos a secuela de "Sequentialee", aquel regreso de hai un par de anos tamén en Mushroom Pillow, estamos de noraboa. De novo pop clásico, pero desta vez nun álbum máis sólido, máis compacto e cheo de chiscos. Se alí comezaba con "Porque es domingo", "A balón parado" e "Oyendo canciones", aquí o fai coa directa "Tiene que pasar" (que comeza como o "Country Home" de Neil Young), ao igual que "Anticipo" co "There She Goes Again" da Velvet e unha "Tormenta esta noche" que lembra aos 091. Pero é que sigue co himno hedonista "Vuelta a los colores", a trepidante "Subir al tren", a magnífica letra de "Agosto, por ejemplo", "Fontaine, Fontaine" que remite ao pop menos ruidoso de The Jesus and Mary Chain ... En fin, que o disco mantén un excelente nivel compositivo e será apreciado polos amntes das cancións pop ben feitas, porque a ver cantos discos con polo menos 5 cancións tan boas somos capaces de atopar por estes lares. É difícil que co panorama que temos acade o recoñecemento que merece, pero o que desexamos especialmente é que non tarde tanto en regalarnos outro feixe de cancións así. Dous anos de espera se lle perdoan facilmente. PEPE CUNHA 07/12/07
fanny + alexander finais dos 70s, principios dos 80s
Na escea galega estamos vendo nos últimos tempos que hai practicamente de todo. Dentro da vertente de pop con tinturas electrónicas atopamos este dúo compostelán que ademais asume a difícil tarefa de construír cancións a partir de pezas de poetas galeg@s. Sendo esta práctica máis habitual noutros estilos, léase vertente do cantautor ou a música tradicional, desde o pop quizais se vexa con máis reticencias. Iso si, cando se atina co branco tamén se recoñece máis o esforzo e aquí o disco empeza forte con dúas pezas que realmente enganchan como cancións: "María Silenzo" (poema de Carvalho Calero) ou "Amei-te tanto" (Pilar Pallarés). Mais ata o spoken word de María Lado en "Berlín" o disco dispara sen tanta puntería na súa experimentación, da cal a "Postpunkdeirada"(Lois Pereiro) é o mellor exemplo. Si conseguen crear convincentes atmósferas nunha "A estación sen ti" (Daniel Salgado) que lembra á Nación Reixa na parte vocal, ou en "Funcionaria ou estudante" (María do Cebreiro), mais "Así é imposible" resulta bastante forzada no musical e "Danzarei para ti ... se botas outra moeda" (Elvira Riveiro) adéntrase nas pistas de baile fallando nunhas voces que non son precisamente o máis solvente do proxecto. Polos seus acertos e loubables risco e inquedanza merecen un sitio propio no panorama galego actual, mais cómpren escoitas desprexuizadas para apreciares esta proposta. Edita baixo a licenza de gratuidade de Creative Commons e así en A Regueifa pódela baixar de balde. PEPE CUNHA 07/12/07


el hombre del siglo V