

loretta martin paraíso distante
Tardou en chegar a continuación daquel cedé con tres cancións que levantara certa expectación entre @s ávid@s de escoitar galego noutros estilos musicais. Este agora trío coruñés de funk rock enriquece o seu primeiro longa duración con moitas colaboracións que poden facer dubidar da súa plasmación no directo, mais as boas cancións ben poder resistir espidas de grandes momentos. E destes hai abondo, coma o saxo de Pablo Añón e o Rhodes de Javier Facal en "Waikiki", "Diva" ou "Dende as terras do leste", a guitarra de Ion Rivero, o violín de Germán Gandín en "De repente"... O resultado é un disco que invita ao movemento desde o comezo con "As cores do solpor", dominado polo funk mais aberto: a aires brasileros ("De repente" é letra de Vinicius de Morais), ao inglés ( "Paraíso distante" contén algúns fraseos en inglés), ás letras optimistas, sen moitas pretensións, algunha reflexión vital, á inmediatez das relacións, soños ... Pagou a pena a espera, pois estamos ante un disco ben aproveitable e unha boa banda, aínda que algunha canción gañaría sendo máis curta. Se cadra o abuso dos detalles propio do estilo. Chegou o "funkeirazo". Falcatruada. PEPE CUNHA 02/02/07
j teixi band voodoo bar
Para @s despistad@s, bastaría con mencionar que a banda de Javier Teixidor é herdeira de Los Elegantes e Mermelada, non só nas influencias e preferencias estilísticas, senón tamén nos seus integrantes. O seu 7º disco volve ser unha colección de rock, soul e pop con temas tan directos coma "Tengo la noche", "Quiero romper", "Lo malo", "No es tarde" (versión da "Slow Turning" de John Hiatt) onde a Wall Power Horn Section reviste as cancións de gran fortaleza. Galiacho tamén está magnífico nos teclados, as voces invitadas de David Montes en "El precio" e Velma Powel en "Lo quiero" (versión da"The Ghetto" de Hudson Hathaway) deixan un excelente sabor de boca, Juanma "Elegantes" aporta unha cumpridora guitarra en "Ciudad soledad"... Así ata rematar o disco con "No es sólo amor", gravada na súa actuación dentro da última edición do reputado Festival de Jazz de San Javier (Murcia). Precisamente o DVD que acompaña o disco amosa ese concerto, onde tamén contaron coa harmónica de Ñaco Goñi. En definitiva, unha tremenda banda de directo. Non procures nada novidoso, mais si un son impecable. J Teixiband.com PEPE CUNHA 02/02/07
omelé omelé
Este xove grupo de La Garriga e Argentona (Barcelona) debuta cun cóctel de estilos e ritmos afrocaribeños (xamaicanos, son cubano, salsa, jazz latino...). que chaman ‘salsa-funk‘. Ademais contan con colaboracións de Yacine Belahcene (ex-Cheb Balowski) na voz e Marc Horne (Kalimba Malinca) na frauta ou a producción de Tomas Arroyos (Color Humano, Fufu-Ai, e productor do último disco de La Kinky Beat). Ata aquí a cousa non pinta mal... mais as letras son realmente ruborizantes pola súa excesiva obviedade. Exemplos coma "Ves gente avariciosa, gente que quiere más/ y los demás nos jodemos, callamos y vemos dinero volar" ou "En el país de donde huyen, la gente muere de miseria. Es una tierra de recursos, pero el dinero es de unos pocos".... lembran aos peores momentos (que son a maioría) duns Ska-P e animan a recomendar que polo momento fagan instrumentais ou atendan ao exemplo de La Gran Orquesta Republicana musicando a Eduardo Galeano. Ben pola reivindicación, pero hai que ofrecer algo máis. Unha mágoa. Kasba Music PEPE CUNHA 02/02/07
sr chinarro el mundo según
O seu anterior "El fuego amigo" arrasou nas revistas "especializadas" e o mesmo vén de acontecer cos resumos do 2006. Dicir que este é o mellor disco do ano pasado é esaxerar, pero non hai dúbida de que ten que estar entre os mellores. Os seus temas xa levan tempo sendo máis directos, máis accesibles, máis pop, con máis retrouso, sen por iso verse mermada a peculiar personalidade lírica do sevillano Antonio Luque, un dos máis destacables letristas do panorama estatal. Son textos aos que se volve unha e outra vez atraídos polo seu magnetismo, que son capaces de mesturar a súa irónica forma de ver as cousas co costumbrismo (unha viaxe en coche a Portugal en "El lejano oeste"), as coplas e ditos populares ("y si son las verdades, las del barquero" en "Esplendor de la hierba" o "Ya están puestas las puertas del campo" en "No lo sé ni lo quiero pensar"...), as irresistiblemente andaluzas "Gitana" e "Del montón" ("Pudo ser un amor del montón, pero todo el montón era mío"), dúas das xoias máis facilmente apreciables do disco. Pero "El mar de la tranquilidad", "La última cena", "Militar" tamén teñen moito encanto. Se aínda non o coñeces, quizais este sexa o mellor momento. PEPE CUNHA 02/02/07

