discos
comentados en febreiro ´07_2
máis en arquivo
caballero reynaldo
hispano olivetti
gallaecian metal compilation

caballero reynaldo hispano olivetti

Unha combinación Caballero Reynaldo-Malcolm Scarpa non podía dar mal resultado porque o que atopamos é unha recreación desde variados enfoques por parte do primeiro de 13 cancións do segundo, amigo seu e versátil compositor. A primeira vista poderiamos pensar que se trata da reivindicación dun artista que ben o merece e quedariamos servidos mais non sorprendidos. Mais a sorpresa ou novidade radica en que o álbum vén aderezado co son dunha máquina de escribir antigua e lendas (do libro de Reynaldo "Qué te debo, José?") narradas por un cativo. Dada esta entretida e atinada primeira proposta, agardamos novas entregas destas recreacións de música de outros compositores que Caballero Reynaldo promete apara este 2007. Hall of Fame. myspace.com/caballeroreynaldo2006 PEPE CUNHA 14/02/07

triángulo de amor bizarro triángulo de amor bizarro

O nome desta banda coruñesa, semifinalista dous anos consecutivos no Proyecto Demo (F.I.B.), é a traducción literal dun temazo dos New Order, con cuxo estilo nada teñen que ver. Curiosamente, a primeira banda que me vén á mente ao escoitar aos TAB son My Bloody Valentine, que tamén xogaban co nome dunha canción dun estilo alonxado do seu son. Ademais da banda do "Loveless" lembran aos The Jesus and Mary Chain máis noise e están a ser moi comparados cos Planetas, aos que seica moit@s teñen gañas de atopar un relevo. Supoño que nisto terá que ver a produción de Carlos Hernández e unhas letras cando menos interesantes, cheas dunha particular filosofía, mais eclipsada en ocasións pola produción. 33 minutos de moito noise pop e shoe-gazing, guitarras obsesivas, base rítmica contundente e certa escuridade para unhas melodías que non deixan de ser adhesivas. Probablemente tantos eloxios resulten desmesurados, pero iso non quita que grazas a temas de títulos tan provocadores e suxestivos coma "El fantasma de la transición", ""¿Quienes son los curanderos?" o "Estrella azul de España" esteamos ante un dos mellores debuts do panorama indie dos últimos anos. Mushroom Pillow. PEPE CUNHA 14/02/07

rickie lee jones the sermon on exposition boulevard

Se o pasado ano New West editaba o mellor disco en anos de Kris Kristofferson, neste 2007 fai o mesmo con esta mítica cantautora, da que din que este é o seu disco máis vitalista, roqueiro e directo dos seus 27 anos de carreira. En canto abres o magnífico digipack e comezas escoitalo xa te decatas de que estás ante algo importante para logo quedar abraiado pola súa intensidade. Todo parte do artista multifacético Lee Cantelon, que no seu libro "The Words" presenta as verbas de Cristo para a xente que non é relixiosa, que está arredada da institución, da visión eclesiástica ou mesmo ofendida por ela. Un Cristo que mesmo avisa á xente que desconfíe do relixioso. Cando "Pennyman" puxo en funcionamento a rendición do seu libro con varios músicos ao estilo "spoken word", a aparición no estudio de Jones, soa nun cuarto cun micrófono e improvisando a letra desde o seu interior, mudou a natureza do proxecto. Desta primeira sesión saíron "Nobody Knows My Name", que abre o disco e lembra á Velvet ou ao Lou Reed de "New York") e "Where I Like It Best", incluídas no álbum definitivo como primeiras tomas, sen alteracións, ao igual que "I Was There"(que pecha o álbum e non desentoaría en "Astral Weeks") e "Donkey Ride". As nove cancións restantes seguiron o mesmo patrón: "The Words" + inspiración e intuición músicais e líricas. Co fin de calmar posibles recelos ante unha certa complexidade do disco, refírome ao revelador agradecemento da artista ao productor Rob Schnapf por levar isto polo "mid-stream", conquerindo ese punto equidistante entre o dixerible e a independencia artística, algo que sen dúbida facilita a estupenda voz da Jones. Cru, emocionante, inmediato, verdadeiro, roqueiro, indie e moitos calificativos atopan o seu sitio en "The Sermon...", un deses discos que fan do rock algo importante. A xente hoxe non pode oír a palabra Xesús sen se pór tensa porque a asocia cos predicadores de TV e toda esa panda. Eu tan só quería elevar un pouquiño o listón. Distribúe DOCK. Non deixes de ollar este documento visual sobre o disco ou as letras. PEPE CUNHA 15/02/07

gallaecian metal compilation

Este proxecto que se xestou desde un foro de internet (Basandere Metal) compila un amplo abano de estilos metaleiros (crossover, gothic, clásico, progresivo, death, black...) interpretados por bandas desde veteranas ata novatas do país. Son 26 as que aparecen aquí, aportando cadansúa mostra do seu repertorio e completando un dobre cedé introductorio ao metal galego actual. No libreto que acompaña a escolma atopamos completa información das bandas (discografía, contacto, web, foto, formación), na súa maioría viguesa e con só unha excepción ao chamado eixo atlántico. Trátase dunha correcta presentación, a pesar da traducción ao inglés do libreto, e un son polo xeral digno, aínda que atopemos algunha producción bastante maqueteira, en especial a única interpretación en galego, a dos Neira, que semella unha broma polo seu son cutre e a recreación "Nazón de Breogán". Sen entrar en profundidades, no musical hai sen dúbida unha escena onde escoller, mais no lírico seguen latentes un pobre inglés, certo rexeite do castelán e un residual emprego do galego. Falcatruada. PEPE CUNHA 14/02/07

triángulo de amor bizarrro
triángulo de amor bizarro
rickie lee jones
the sermon on exposition boulevard