discos
comentados en febreiro 08
máis en arquivo

xosé manuel budiño home

De novo o gaiteiro do Morrazo aposta pola variedade neste cuarto disco. Os dez anos dende aquel debut “Paralaia” deron para curtirse en moitos concertos e facer moitos amigos músicos (Jorge Pardo ou Jacky Moulard aportan aquí a súa calidade), nunha aprendizaxe que o fixo crecer máis aló das súa cualidades coa gaita. Ora máis tradicional, ora máis achegado á modernidade, aquí interpreta máis instrumentos e incluso prepara programacións, argallando unha proposta que orienta un pé cara ao aperturismo mantendo o outro no respecto pola tradición. Así, a derradeira canción consta só de gaita en do e Xosé Luis Romero nas percusións, mentres que a que abre o disco inclúe programacións. “Pedra de Abalar”, con cunchas e programacións, lembra momentos do Budiño de “Paralaia”, así como "Inmaterial", coa letra e voz de Mercedes Peón. Incluso se pode achegar a un público máis amplo con bo gusto, coa grata sorpresa de Xoel López (Deluxe) á voz en "Ollos de sal", texto de Antón Reixa. A alegre gaita de "Ortegal", inspirada no mítico festival, a fermosa "Nacín na espuma" ou a animada "Ollin Kan" coa trikitixa de Kepa Junkera son outras pezas destacables. Jorge Pardo ou Jacky Moulard. O mesmo Budiño fala de inspiración nas súas viaxes, o que non sorprende dado o carácter variado, ameno, e ademais ben galego pois ademais dos nomes xa mencionados e a voz de Davide Salgado, "Home" foi gravado na súa maioría nuns estudios no Morrazo e está editado por Falcatruada. PEPE CUNHA 05/02/08

zia despierta

ZIA son, básicamente, un trío de rock currante, con táboas, bo directo e unha encomiable predisposición a colleren a estrada con tal de poderse amosar en bolos, onde son aínda máis convincentes. Por se non tivesen xa eles mesmos bagaxe dabondo (en bandas coma SuperSkunk, Sex Museum, LaVacazul, Deluxe, Sobrinus, Zum, Universo Violento...), disfrutan da produción de Dani Alcover, recoñecible por "Hotel Lichis" de La Cabra Mecánica ou "Devil came to me" de Dover, "Planeta Azul" e "Sea como sea" de Super Skunk, e algún de La Vacazul. O denominador común de "Despierta" é un son cohesionado, compacto, dominado por unha contundencia que non perxudica as melodías, aos esqueletos das cancións. Entre elas xa coñeciamos o interesante adianto "De agua" e agora temas como "Químico", "Despierta", "Cada día" ou "El nudo en ti" veñen a refrendar textos traballados, como a relación tensa de “Nada que ver”, aínda que ás veces se acheguen a lugares demasiados comúns. Evidentemente lembran a moitas das súas influencias, pero ao seren éstas múltiples e en máns de bos músicos o resultado é máis que digno, directo e accesible. Edita DFX records e o MySpace da banda é ziasongs. PEPE CUNHA 05/02/08

the shaky hands the shaky hands

O indie rock americano máis soulful pop e folky viaxa polo disco de debut desta banda de Portland. Temas refrescantes e vitalistas, de melodías contaxiosas e certo terreo de confluencia dunha sá tolemia, o xogueteo e a experimentación coma The Sleepless", "Whales Sing", "We Will Rise", ou unha "Why and How Come" que lembra aos primeiros R.E.M. Por se fose pouco gancho o das estimulantes cancións, o principal compositor e cantante Nick Delff posúe unha voz singular, carismática, ás veces lánguida, ás veces descarada que encaixa perfectamente naquelas, a diferencia de moit@s cantantes indies excesivamente afectad@s. Ora soleadas, ora sombrías, as 13 cancións constitúen un destacadísimo debut que escoitar unha e outra voz na procura de ideas e matices enleados nas melodías. Se che poden lembrar a Devendra Banhart, Pavement, aos T-Rex de Marc Bolan ou a Peter, Bjorn and John, a que esperas para te achegar a The Shaky Hands ? My Space da banda. Distribúe Sinnamon Records. PEPE CUNHA 03/02/08

ruíz pantaleón ruíz pantaleón

Debut homónimo do proxecto que conxuga o manto electrónico de Maxi Ruiz (Ferenc) coa guitarra de Jaime L. Pantaleón (12Twelve). Trátase dun disco no que dúas maneiras de entender a música procuran diálogos, compleméntanse ou enfrontándose nunha interesante pero irregular experimentación. Unhas veces aditivas e delicadas como "Verde esmeralda", 12 minutos case enfeitizantes, "La ciénaga" ou "Caballo" onde destacan unhas guitarras que lembran ao Ry Cooder. Sempre experimentais eás veces con recitados en catalán ou castelán, pero algunhas veces rozando o tedio, como chega a ocorrer en "La terra es nostra" que abre o álbum con toques rockeiros e un colchón de techno. Mais sen dúbida un dos momentos máis destacables do disco é a presenza do cante de don Enrique Morente en "Escrito a máquina". O libriño inclúe unhas fotos realmente exquisitas. Edita HoustonParty. PEPE CUNHA 05/02/08

zia
the shaky hands
home
ruizpantaleón
xosé manuel budiño
despierta