discos
inverno 2005-6 (1)
máis en arquivo
niño y pistola
como un maldito guisante
the queen machine
electric garden
holywild

la kinky beat

salieri
electric doorbells

Desde Mulberry Records chégannos o debut dunha formación galega e dous segundos traballos de formacións catalás.

niño y pistola como un maldito guisante

NIÑO Y PISTOLA ofrecen en "Como un maldito guisante" dez estupendas cancións pop en formato acústico, algo pouco habitual. Coa supervisión de Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro de Friol (Lugo), regálannos toda unha colección de coidados estribillos, melodías e coros que amosan a boa aprendizaxe destes baionenses (agora residentes en Compostela) a partir da mellor tradición desde os Beatles (homenaxeados na luminosa "Anyway (that´s OK)" ata os Jayhawks, por citarmos dúas bandas das que de seguro gostan. Cancións sinxelas, directas, animadas ("She Was") ou melancólicas ("Why"), pero sempre perfectamente encaixadas neses tres minutos de duración. O bon se breve... Moi disfrutable. PEPE CUNHA 14/03/06

the queen machine VII

Estes tres ex-compoñentes de Flint e teloneiros de bandas coma The Soundtrack of Our Lives ou Mando Diao, apostan no seu segundo traballo polo pop de corte psicodélico, en ocasións excesivamente adornado e carente de frescura, e asinan 7 cancións tituladas coma os días da semana. Entre elas destaca a luminosa e estupenda "Monday" e unha clara homenaxe a Stephen Merritt (The Magnetic Fields) en "Sunday". PEPE CUNHA 14/03/06

holywild electric garden

Enérxica mistura de melodías pop, riffs de guitarra e sonido grunge (ao escoitar o estribillo de "Best Friends" o nome de de Nirvana vénnos á mente). Aínda que os afeccionados un pouco esixentes non atoparán moito que destacar a nivel de textos ou estructura musical, hai cancións con gancho para o directo coma "Tu día de suerte", a mencionada "Best Friends", "One by One" ou "Estoy incompleto". Continuar no seu crecemento coma músicos ("Señales codificadas" bordea por momentos o plaxio de Nirvana) e apostar máis polo castelán pode ser un bo camiño. PEPE CUNHA 14/03/06

la kinky beat one more time

Para quen aínda non saiba deles, pode resultar ben orientativo comentar que o núcleo deste combo está formado por barceloneses procedentes de bandas de mestizaxe musical e compromiso social coma Trimelón (de naranjus), Jaleo Real ou Radio Bemba. Mestizaxe musical e compromiso social a dúas voces, as de Matahary e a de Willy Fuego e un dos puntos fortes da banda. Nesta continuación do seu debut "Made in Barna", a presencia do DJ e MC italiano Rude vén enriquecer toda unha proposta de cocteleira musical e compromiso nos textos. De feito, as novidades en forma de ambient en "Eternity" ou os samplers de "Dejar de pensar" e "Más de lo mismo" incrementan a diversidade xa agardada de temas tan enerxéticos e directos coma a acelerada "Motor Psycho", "Black Panther" ou o reggae e dub de "Vaffanculo" e "Fight". En definitiva, cancións enfocadas para o directo, onde dan boa mostra da súa enerxía a ritmo de rocksteady, ska, reggae, hip hop, punk-rock, raggamuffin...(Kasba, 2006). PEPE CUNHA (6/3/06)

salieri electric doorbells

Debut deste quinteto formado por veteráns da escena indie sevillana con producción de Antonio Luque (Sr. Chinarro). No 2003 e 2005 acadaron as semifinais no concurso de rock Proyecto Demo (Radio3-FIB) e finalmente con Discos Liliput editan estas 10 cancións hipnóticas cantadas en inglés por Diana (tamén guitarra e teclado). Non é doado definir a súa música de guitarras etéreas, certos toque psicodélicos, space rock, ambient pop, os Flying Saucer Attack. Unha relaxada escoita de cortes coma "A Rollercoaster", "Last First Time" ou unha "Cowboys Ride Alone" con certo toque country, pode chegar a resultar ben gratificante para quen gosta de certa experimentación e procura unhas reflexivas atmósferas coma as que Salieri atinan a plasmar. Probablemente uns dos discos cos que contar dentro do pop máis contracorrente deste ano. web da banda. PEPE CUNHA (13/02/06)

one more time