




clovis
mazarin you´re already there
Terceiro álbum deste proxecto unipersonal de Quentin Stoltzfus, quen fora nos seus inicios batería da banda de psych-pop de Philadelphia Azusa Plane, a finais dos 90. Daqueles tempos, Mazarin conserva es toques de experimentación, electrónicos e psicodélicos, pero achegándose ao pop e un concepto máis tradicional de canción. Entre as 11 cancións ricas en detalles (a cálida voz de Stoltzfus, programacións, Farfisa, Fender Rhodes, campaniñas, Hammond, algunhas guitarras intensas...), un recréase na romántico-melancólica "Another One Goes By", "The New American Apathy", a vitalista "For Energy Infinite", a case acústica "Louise", "I´m With You and the Constellations", os instrumentais "Schroed(er)/inger") e "Kenyan Heat Wave"... Na procura dunha orientación, no Spin Magazine mencionan aos Beach Boys e My Bloody Valentine. Eu engadiría uns Beachwood Sparks sen o toque country. O que importa é que se trata dun disco a coñecer. (Bella Union-Sinnamonrecords´06). PEPE CUNHA (30/01/06)
jenny wilson love and youth
No seu país natal, o debut en solitario desta membro dos First Floor Power obtivo excelentes críticas e foi nominado a varios premios da escena alternativa sueca. Isto podería levarnos pensar nunha colección de cancións raras, para minorías, mais ainda que estamos ante un álbum indie por estética, inquedanza e gusto musical, atopamos temas potencialmente comerciais, coma os sinxelos "Summertime-The Roughest Time" e "Let My Shoes Lead Me Forward", todo un hit, a suxerente "Bitter? No, I Just Love to Complain" ou a menos ornamentada musicalmente "A Hesitating Cloud of Despair". Unha boa presentación en España para esta voz magnética, inquedante, coma unha Kate Bush achegándose ao pop de corte electrónico. Disfrutable nas doses axeitadas. (Sinnamonrecords´06) PEPE CUNHA (30/01/06)
second invisible
Estes murcianos deron o salto aos medios tras gañar as finais europea e mundial da Global Battle of Bands. Coma xa puidemos apreciar por Galiza (festival Cultura Quente), son uns auténticos currantes á hora de compoñer e defender as súas cancións. Neste terceiro álbum voltan asinar composicións que non teñen nada que envexar ás bandas máis destacables dun panorama británico que de seguro constitúe o seu principal referente. Cunha sólida base rítmica, un estupendo cantante e efectivos riffs de guitarra, alternan textos en castelán e inglés para 10 cortes que raian a gran nível e, sobor de todo, enganchan. Así, o sinxelo "Invisible" está á altura duns bailables Franz Ferdinand, "Her Diary" lembra as mellores melodías do pop británico dos 80-90, "Nada te dirige" pode ser un deses potenciais himnos que en calquera momento chegan a un público masivo, e "Línea imaginaria" e "On an Island" finalizan o álbum dun xeito máis reflexivo. Un completo disco para quen procure un grupo de corte independente que non merece quedar coa etiqueta de minoritario ou de culto. PEPE CUNHA (16/01/06)
clovis respira
Pasados 5 anos desde o nacemento de Clovis, aquí temos o primeiro longa duración deste proxecto conxunto do que fora baixista de Los Enemigos Fino Oyonarte e a súa compañeira Cristina Plaza. Os gustos de Fino e as súas novas composicións non casaban cos anterior banda e o apoio de amigos e a complicidade con Cristina foron afianzando esta proposta coa edición de 2 minicedés (a canción que titulaba o segundo, "Mundo", destaca tamén aquí). Sen teren grandes voces, saben usalas, coma pasa tamén co Josele Santiago, e conseguen atmósferas realmente intimistas coa voz de Fino, "A miles de kilómetros", a de Cristina, "Leche y galletas", ou xuntos interpretando temas con máis gancho, coma "Invencibles"(onde tamén contan coa participación significativa de Florent "Planetas"). Fino amosa a súa boa man na producción e consegue que todos os compoñentes encaixen sen destacaren por riba do conxunto. Así, pódense apreciar atinados adornos nos teclados de Joaquín Pascual ou as guitarras de Juan Ferrari, pero o protagonismo queda na melodía e no ambiente creado por cada canción. Os que gustan dun pop máis luminoso e maior presencia das voces poderiano interpretar coma tedioso, mais os que gosten dun pop máis reflexivo ao Nada Surf, Yo La Tengo, Luna ou Mazzy Star apreciarán un bo traballo, e mais coa bonita capa de Abraham Lacalle no digipack. (Sinnamonrecords´05). . . (PEPE CUNHA 20/01/06)
julio bustamante material volátil
O último traballo deste peculiar artista valenciano é un monográfico adicado as relacións de parella, "canciones de amor paganpo", di el. "Por más que nos empeñemos no somos cuerpos que se ponen en marcha a la misma hora y el día previsto. Amantes que ni sienten ni padecen. Somos más que todo eso" Como vén sendo característico deste veterán compositor, musicalmente non ofrece nin excesos nin defectos, só procura (coma se fose pouco) o arroupo musical máis axeitado aos seus encantadores textos. Coma tamén ocorría en "Entusiastas", a producción deste novo álbum (un disco deses bos que se facían antes da chegada dos compactos, con 10 cancións e sen recheo nos seus case 45 minutos) raia a gran altura, sobor de todo cun Carlos Carrasco magnífico nas guitarras e un Bustamante cantando estupendamente. Coma anécdota unha composición en inglés e outra en francés que non chegan á altura de "La caseta", en valencián, "La máquina que somos tú y yo", "Amor antiguo", "Para quererte" ou "Ya me rindo". Artistas coma Julio Bustamante son necesarios porque rompen coa voráxine editorial, as premuras por acadar un recoñecemto masivo, o pelotazo. Os seus traballos son agardados porque son directos, claros, sen dobre folla. Non defraudan aos que o coñecen e gostan das súas cancións desde que un bo día se achegaron ao seu particular universo. Se tes un momento, non o dubides. . (Comboi-Karonte). PEPE CUNHA 05/01/06
