




nistal
clap your hands say yeah clap your hands say yeah !
Unha vez escoitas os 40 minutos deste debut autoeditado, e de exitosa propagación pola Rede, xa esqueces que Alec Ounsworth, principal cantante e compositor destes novaiorquinos, soe a Gordon Cano (Violent Femmes) en "Let The Cool Goddess Rust Away" ou a David Byrne(Talking Heads) en "Over and Over Again (Lost and Found)". Con temazos de puro pop alternativo con toque new wave coma "The Skin of my Yellow Country Teeth" (onde lembran a outros de N.Y.C.: Television), "Is This Love?" ou "Heavy Metal", pasas de pensar nunha posible falla de orixinalidade a consideralos xa herdeiros de Talking Heads, Violent Femmes, Jonathan Richman e outros benditos tolos ilustrados nesto da música pop. A antibelicista "Upon This Tidal Wave of Young Blood" pon o fermoso broche. Comenta Nando Cruz en RockdeLux que "Suenan artísticamente naturales y naturalmente artys". Eu non o podería resumir mellor. (Sinnamonrecords´06). PEPE CUNHA (30/01/06)
mala suerte fábrica de sueños
César Álvarez, compositor dos temas, e os seus secuaces teñen claro que o que lles gusta é "el pop español de siempre". Tras escoitar estes dez temas vemos que se refiren a Mamá, Los Secretos ou Los Lunes, dos que interpretan "Canción de despedida". Non tentan de enganar a ninguén, así que non procures sorpresas, nin nos textos (onde abondan lugares comúns coma barras de bar, madrugadas, relacións de parella...) nin na música (estructuras recoñecibles e pegadizas correctamente interpretadas). Neste disco dignamente autoproducido (lo recaudado en el primer disco se destinarán al segundo, y así sucesivamente, hasta que la "mala suerte" los separe") destacamos "Mala suerte", o sinxelo "No me emborracho" ou "El ombligo de tu mundo", única canción "longa" do disco. O que queren é tocar con ganas, compartir as súas composicións e pasalo ben. Sá intención. Na web www.malasuerte.org podes escoitar os seus temas. PEPE CUNHA (30/01/06)
nova tunes 1.2
"Sorprender ás orellas" é a intención desta recopilación do selo francés Nova e o mellor que se pode dicir tras escoitalo é que o conseguen. Repasan con acerto novos territorios musicais que fan avanzar a mestizaxe musical a traverso das músicas electrónicas, o rap, o soul, o reggae ou a música brasileira. Rico eclecticismo, alta calidade, elegancia, descubrimento de novos talentos, ar de cidades cosmopolitas coma Paris, Nova Iorque, Berlin, Londres...Máis de 70 minutos plenos de momentos destacadísimos coma a recreación que Sharon Jones e Lee Fields fan do "This Land is Our Land" do Woody Guthrie, o encanto pop de Syd Matters en "All Of You", Tahití 80, K-os, Sébastien Schuller, a Quantic Soul Orchestra, Camille.... e outros aos que seguirmos as pegadas. Tampouco faltan nomes algo máis familiares como a colaboración que pecha o álbum: Thievery Corporation con David Byrne ou Tahití 80. Dance usted..., pero con elegancia. Distribúe Karonte. ¡Qué gañas entran de deixar este cd nalgún pub con, sexamos moderados, carencias musicais! PEPE CUNHA 4/01/06
nistal 10 motivos para viajar de noche
Pasados 5 anos desde o nacemento de Clovis, aquí temos o primeiro longa duración deste proxecto conxunto do que fora baixista de Los Enemigos Fino NISTAL "10 motivos para viajar de noche". O debut deste xove compositor asturiano regala dez cancións sinceiras, espidas,acústicas, tranquilas, sen adornos superfluos e co xusto de ornamentación. Fala de lembranzas, ledicias, tristuras, soedades, esperanzas. O álbum empeza moi ben con pequenas xoias coma "Todo el mundo", "Mejor" o "Nunca", e incluso atina coa relaxada versión dun clásico do pop español coma o "Autosuficiencia" de Parálisis Permanente, mais na segunda parte a brevedade sálvao de perder atención, chegando a patinar un pouco na homenaxe "George Harrison". Un gran debut que nos fai agardar ansiosos novas mostras de tan boas golosinas de "cantaupop", como xa o definiron. Discos Liliput PEPE CUNHA (14/12/05)
andrés calamaro el regreso
Este álbum en directo si que ten unha xustificación máis aló dun simple "grandes éxitos". Trátase do documento sonoro dun momento agardado: a volta aos cenarios dun dos grandes escritores de rock en castellano. Así, os coros do entregado público teñen unha presencia realmente grande, debido a que o audio está apenas retocado a partir dunha filmación para a televisión. Acompañado pola Bersuit Vergabarat e no Luna Park de Bos Aires repasa 21 temas en interpretacións por momentos emocionantes, intensas, cun Andrés Calamaro sinceiro, entregado, ledo en "El cantante" de Rubén Blades, Te quiero igual", "Paloma" ou "Estadio Azteca". As menos, como ocorre con "Los aviones", non chegan tan dentro coma nas versións xa editadas. Inclúe versión de Gardel ("Por una cabeza") con Juanjo Domínguez á guitarra, "Desconfío" con Juanse e "No me nombres" co seu irmán Javier. Un fermoso disco e un artista seica de volta entre nós:"Gracias le doy a la virgen / gracias le doy al señor / porque entre tanto rigor / y habiendo perdido tanto / no perdí mi amor al canto / ni mi voz como cantor." DRO-ATLANTIC. PEPE CUNHA 10/02/06
