

justo y los pecadores desde el burladero
Aquí non procures filigranas nin a última moda. Esta é unha gravación practicamente en directo (hai algo máis típico que unha versión de "Volver, volver" ?), baixo títulos que non enganan a ninguén ("Nací en el barro", "Vamos a desnudarnos", "Desde el burladero" ou "El pozo de la pasión") e un cantante con ese toque de chulería distintivo do rock and roll de sempre, cos seus achegamentos ao blues ou ao boogie. Nin sorprende nin decepciona, e incluso aproveito para aconsellar que de vez en cando acudamos ao básico, que ás veces as árbores non deixan ver a fraga. "Nací en el barro y fui moldeado a golpes de palo". Edita Mulberry Records PEPE CUNHA 01/05/07
the sunday drivers tiny telephone
Sen dúbida este era un dos discos españois máis agardados para este ano. O seu anterior "Little Heart Attacks" significou un paso ben grande con respecto ao seu estupendo debut e levou a estes toledanos a conquistar non só a Península senón países coma Francia, onde son máis que ben recibidos e requeridos. A terceira entrega, sen presa nin pausa, xa desde a apertura con "Rainbows of Colours" atrápanos de novo cos puntos fortes da banda: as melodías logradísimas que soben o ánimo como "Life Is" ou "Day In Day Out", eses destacables medios tempos como "She" ou "Little Chat", o gancho-single "Do It", melodías atemporais, magníficos cantante e teclista (en "Paranoid" loce especialmente) sobre unha banda ben engraxada e unhas influencias pop, ora americanas ora británicas, máis que ben asimiladas. Ao impecable e luminoso son do álbum contribúe Brad Jones (que traballou entre outros con Josh Rouse). Quen queira xulgarlo en comparación co segundo álbum, "só" disfrutará das varias escoitas. Edita Mushroom Pillow. En myspace. PEPE CUNHA 04/05/07
sete saias sete saias
Desde a aula de Rodrigo Romaní, no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, chegan Marta Quintana e Clara Pino con cadansúas voz e arpa. Unha proposta relaxantemente fermosa que debuta con 12 temas que pasean polas pezas tradicionais ("Alalá das Mariñas", "Menina das sete saias", "Ramo verde", "Fía na roca"... ) e as composicións de autor de seu ("Bágoas de azar", "No mar ausente") ou do propio Romaní ("Rompendo a marea", con Xosé Manuel Budiño aportando a programación nunha das dúas versións do tema incluídas). Dado o protagonismo da arpa, non podían faltar as pezas de inspiración u orixe irlandesa como "The Sligo Fancy". E para completar a fermosa obra, as portada e contraportada do pintor Xavier Magalhaes. Todo un agasallo a xeito de aloumiño para o panorama musical galego, co vídeo de "Rompendo a marea", coma estupenda tarxeta de presentación. Edita PAI-Música. PEPE CUNHA 01/05/07
la habitación roja cuando ya no quede nada
"París ardiendo", canción que abre o disco, despista un pouco e fai pensar que este novo disco estará a medio camiño entre o seu listón "Nuevos tiempos" e o mini LP "Dirán que fue un sueño". Daquel manteñen o contundente son que lles puliu Steve Albini (co que repiten en Chicago) e da anterior entrega unhas letras se cadra máis reflexivas. Mais pronto nos damos de conta que o seu espíritu pop segue presente en presumibles novos hits como "La vida moderna", "Esta no será otra canción de amor" ou a irónica "Tened piedad del expresidente". Iso si, un arrecendo épico (sen os excesos que adoita conlevar o cualificativo) chega de cancións como a mencionada "París ardiendo", "Lejos de la gran ciudad" ou "Posidonia", punto álxido desta tendencia e que lembra ao pop menos luminoso dos 80. Sen dúbida, cancións de corte romántico como "Hoy" ou "Los amantes y la paz" e o final de "Cuando ya no quede nada" son boa mostra de que coas escoitas, dentro unha proposta que gosten máis ou menos, se aprecia a personalidade musical e lírica dunha banda xa consolidada. Edita Mushroom Pillow. PEPE CUNHA 04/05/07
dartz ! this is my ship
Tres xoves ingleses de descontrolada enerxía post punk ao servizo do baile. Tras varios singles publicados para espertar atención, neste primeiro disco tamén amosan que non teñen avoa: "Dartz is good for your brain" din nunha "Teaching Me To Dance" de enfermiza trompeta. Con influencias de rock indie que van desde os Devo ata os Artic Monkeys e temas como "Once, Twice, Again!", o mencionado "Teaching Me to Dance", "St. Petersbug" ou "Cold Holidays" este álbum xa recabou moi boas críticas na prensa especializada, polo que está recomendado para oídos ávidos das últimas sensacións desde as Illas Británicas. Compróbao no seu myspace. En España distribúe Aloud Music. PEPE CUNHA 01/05/07


