

ruxe ruxe comercial
Quinto disco dos de Aríns, xa maduros, cun son consolidado e, por suposto, as cousas ben claras: rock con denominación de orixe, feito en Galiza, con gaita e letras con referencias populares ("Falou Balbino", "Cando o demo non ten nada que facer"). No musical, chiscos a The Clash ("Comercial"), The Pogues ("Morreu"), Siniestro Total ("Ié, ié" donde participa o propio Miguel Costas) ... En definitiva, variedade de espírito mestizo partindo sempre do rock, con achegamentos ao reggae ("Macacos" é un dos temas máis logrados do álbum), o ska ("Estas balas"), o destacable medio tempo "Neve" e ata western ("Na eirexa de San Martiño"). Si, un disco ben comercial, 11 temas nunha media hora ben compacta. Non procures aquí maiores complicacións. Edita PAI-Música. PEPE CUNHA 19/05/07
moon cresta erocktile dysfunction soulutions
No mesmo título do seu álbum de debut deixan ben claro por onde se moven musicalmente: rock, funk e soul e nomes como os Led Zeppelin, Stevie Wonder, Red Hot Chili Peppers ... Dentro destas coordenadaas o álbum soa ben aínda que por momentos bordee o tedio contra o que luitan, como en "The rocket". Afortunadamente a bailable "Funktronic", o medio tempo "Angel" ou as baladas "Five vs. the shadows" e "The Last Dance" soben ben o nivel deste meritorio debut discográfico no que froxea o inglés. Máis estamos ante unha banda que xa levaba tempo movéndose e que por fin se presenta moi destacadamente para tratarse dun primeiro traballo: a caixa inclúe DVD cun "unplugged" no estudio Casa de Tolos de Gondomar, centro de operacións de PAI-Música. PEPE CUNHA 19/05/07
dulce pontes el corazón tiene tres puertas
Unha das artistas principais da chamada escea World Music en Europa regresa tras o disco con Ennio Morricone ("Focus") e faino con valentía: produce, arranxa, toca o piano, arranxa e crea editora independente: Ondeia. Título en castelán para este disco do 2006 en Portugal porque esta é a edición que nos chegou. Magnífica, por certo: un digipack con tradución ao castelán, fermosas fotos, 2 CDs ao vivo e DVD cun concerto en Estambul, entrevista e máis cousas. O primeiro CD está gravado en directo en Xira Mundial e o segundo na igrexa de Santa María de Óbidos e no Convento de Cristo de Tomar. Un retorno ao fado cun lanzamento realmente espectacular que non fai máis que acrecentar a súa figura dentro desas artistas que rebasan fronteiras no mundo. Realmente fermoso. PEPE CUNHA 19/05/07
layabouts layabouts
Banda madrileña que practica un rock bailable e que debuta discograficamente con menos de dous anos de vida.A súa é unha proposta abrumadora, de contundencia rítmica, riffs de guitarra e sintetizadores sobrados de forza, contundencia e agresividade. Lembran a bandas actuais como The Killers, Artic Monkeys ou Bloc Party sen esquecer a clásicos dos 60, garaxe dos 70 ou os Joy Division. O single "Fine For Me" é unha magnífica carta de presentación, sen dúbida, dun disco que gaña cando dosifica esa enerxía e acrecenta a melodía, como en "Naive", pois a produción de Paco Loco chega a ser abafante por momentos, probablemente na intención de plasmar o son que esta banda debe ofrecer no directo. My space. Edita Wild Thing. PEPE CUNHA 19/05/07
windmill puddle city racing lights
Cando chegan discos con tan grandes louvanzas (neste caso destaca a do New Musical Express "Como un álbum perdido de Mercury Rev o Grandaddy") un case que ten que calibrar se son merecidas, esaxeradas ou carentes de senso. A voz descaradamente infantil de Matthew Thomas Dillone, británico de 26 años, acompáñase na gravación de músicos de The Earlies e Alfie para plasmar un disco onde o piano, a batería e os coros son os grandes protagonistas. Aínda que o tempo acabará por poñelo no seu lugar, ten moitos boletos para aparecer nalgunhas listas indies do ano, pois ten detalles de The Flaming Lips, Clap Your Hands Say Yeah ou Arcade Fire, ademais de espertar opinións moi encontradas, especialmente pola voz. Esas boas influencias aportan bos detalles e o álbum amosa unha liña entre coherente e repetitiva que carece dalgunha desas cancións que chamen a atención e vaian quedar moito tempo na memoria. Editan Melodic-Houston Party Records PEPE CUNHA 19/05/07


el corazón tiene tres puertas