


lamatumbá paraugas universal
"Lume (para que saia o sol)" levounos polo mundo adiante e convertiunos nunha das formacións punteiras da música feita en Galiza. A banda ourensá viviu as aventuras de dous anos de xira continua e a reestructuración na banda (@s que marcharon son agora Sonoro Maxín) para finalmente entregar o novo traballo dos representantes da verbena do século XXI. Con novo cantante á fronte, unha consolidada e potente sección de ventos, coros omnipresentes e a forza primixenia do rock ("Supervivintes"), insisten na incitación á festa, no optimismo dos ritmos quentes e bailables aos que nos teñen ven acostumados, co sinxelo adianto "Camiños" como clara bandeira. Hai cumbia, reggae ("Severino", na que inclúen un chisco aos Tamara), ska ("Beza"), suaves aires caboverdianos en "Morna" (co acompañamento de novo da Guadi Galego). En fin, que pouca novidade agás máis cancións que defender ao vivo e un álbum que soa ben pero que podería ter afondado máis nesas diferencias entre o estudio e a festa garantida. Como eles din, Non vale parar. Inclúe DVD co "como se fixo". Edita Pai-Música. En MySpace. PEPE CUNHA 04/05/08
la kinky beat karate beatTerceiro disco orixinal da banda, desta vez gravado no propio local de ensaio e co produtor de 7 notas 7 colores, Dive Diboso. Sempre coa potente voz de Mata á fronte, pero con máis electrónica nestas 13 cancións que experimentan con ritmos reggae, break beat, drum and bass, jungle e a enerxía punk á que nos teñen acostumados por anteriores traballos. Non hai sorpresa no artista escollido para unha boa versión: a "Itaka Berriro" de todo un referente como Fermín Muguruza. Aínda que non chamará a atención de quen non os vexa en directo si contén temas como "No Pain No Gain", "Karate Beat" ou "Tiros y tirones" que seguirán a provocar ese baile con mensaxe entre xa fans e seguidores da onda mestiza, con máis ou menos matices, de Manu Chao, Ojos de Brujo ou Macaco. "Quiero sentirme iluminada" xa está entre as mellores cancións da banda. Edita KasbaMusic. PEPE CUNHA 04/05/08
lapìdo cartografía
Sempre se falará de José Ignacio Lapido como o guitarrista e compositor de 091, mais este quinto traballo en solitario afonda no que xa constatara o anterior "En otro tiempo, en otro lugar": que a súa carreira en solitario ocupa tamén lugar privilexiado e de seu no rock español. Como el mismo comenta, o tempo dirá se é o mellor que gravou nunca, pero como seguidor do seu cancioneiro podo constatar a magnífica cualidade destas doce novas cancións. Ora acústicas ou repousadamente intensas como "Nadie me ve", "Algo me aleja de ti" ou "Nunca se sabe", ora eléctricas de corte pop como "Fuera del mundo real", "Escala de grises", "Nadie supo decirme la verdad" ou rock "El truco (en qué consiste)", "Cuando se apaga la luz"... sempre están presentes eses sinais de identidade que non defraudan a quen o consideramos un mestre: sensibilidade, intimidade, sinceridade, cancións ben construídas con melodías imperecederas por atinadas e gratamente recoñecibles tratando da dor existencial, o absurdo ou as dúbidas da condición humana. Sen dúbida un dos discos do ano. Probablemente desapercibido para a maioría. El mesmo escrebe para o suplemento La Luna sobre "Cartografía": pincha aquí. En MySpace. PEPE CUNHA 04/05/08niños mutantes todo es el momento
Os andaluces Niños Mutantes levaban uns anos sen publicaren un álbum de verdade, pois os anteriores a "Todo es el momento" foron unha colección de sinxelos e a revisión “Grandes éxitos de otros”. Mais pagou a pena esta espera. Eles mesmos din que querían facer “un disco de los que se escuchan enteros. Podíamos haber elegido sobre todo canciones cañeras, como otras veces, pero queríamos darle una vida larga y un desarrollo con cambios, que no aburriera” e seica tiñan onde escoller, pois o álbum raia a moi bo nivel. Como mostra dun concienzudo mais non obstinado traballo no estudio, as cancións son xenerosas en arrranxos correctísimos, sen excesos. Movéndose nese terreo ente o indie e a tradición do pop rock clásico, nunha onda de accesibilidade ou madurez no musical e no lírico que, como a La Habitación Roja, Sidonie, The Sunday Drivers, Lori Meyers ou Deluxe, lles pode achegar ataques ou rexeite dos máis integristas para con todo aquilo que poda soar algo mainstream. Cancións como "Sapos y culebras", os medios tempos como "Formentera" ou "No puedo más contigo", "No sabes estar bien", as bailables "Te favorece tanto estar callada" e "Ayurveda"... merecen están por riba de prexuizos e superan con moito as pezas máis frouxas ou prescindibles ("Lovesong Miguelito" e o bonus track). En MySpace. Edita Astro Discos. PEPE CUNHA 04/05/08
