discos
comentados en maio 08_2
máis en arquivo

os mutantes everything is possible. the best of os mutantes

David Byrne, ex-líder dos Talking Heads e recoñecido admirador da música feita no continente americano, non podía deixar pasar a oportunidade de recuperar co seu selo Luaka Bop unha das bandas máis orixinais, tolas, divertidas, provocadoras e innovadoras da historia do pop brasileiro. Rita Lee e os irmáns Arnaldo e Sérgio Baptista debutaron no 68 cun marabilloso álbum homónimo que aporta 6 dos 14 cortes desta selección que sabe a pouco dada a disfrutable variedade de cancións como "A Minha Menina" (asinada polo Jorge Ben e recentemente recuperada pola publicidade), "Ando meio desligado", "Baby" (aquí nas versións do 68 e o 71), "Panis et circensis" ou "El justiciero". Agora Sinnamon Records recupera esta estupenda introdución a unha banda sempre reivindicable e con moitos e diversos admiradores dentro do pop rock internacional. Coñecelos e caer nunha fermosa trampa. PEPE CUNHA 18/05/08

zulú 9.30 huellas

Tras "Conecta o Revienta" (2005), eis as doce novas cancións desta banda barcelonesa de ritmos latinos. Ás consignas coñecidas coma espírito mestizo, a samba brasileira, potente toque golpe latino, alma negra, invitación á festa e o habitual "buen rollito", hai que engadir a presencia de invitados destacables como Amparo Sánchez en "Tú te vas", Sergio Ramos (Ojos de Brujo), Josep Mas ‘Kitflus', Josué García (Muchachito Bombo Infierno) ou Paul de Swardt (Macaco). O álbum contén varias cancións destacables (que ao final é o que importa) como o reggae "Huellas", mais non chamará atención alén d@s afeccionad@s a este estilo do que, iso si, son unha formación dignamente representable. Edita Kasba Music. PEPE CUNHA 18/05/08

bombones diska

"Diska" é unha sorte de disco quebracabezas, a cargo dunha banda que sen pudor vai a chimpos polas diferentes décadas e xéneros da historia do rock and roll. O risco de caer no desbaraxuste ou o caos aquí vese evitado pois as cancións unha por unha manteñen unha identidade de seu. Disque quen moito abarca pouco aperta, mais aquí as boas intencións dan bastantes bos resultados. En "Las flores del mal" mesturan rock con soul rápido, cun teclado pegañento que será habitual no resto do disco. "El acento invisible" é unha doce canción de aire psicodélico, cuns ouveantes e uns atinados ventos ao final. , o pop británico e guitarreiro de "Comando B" e tras o instrumental machacón "Les enfants" instrumental hai unha parte cósmica coa espacial "A otro lugar" e os ecos T-Rex de "Laser a go-gó". Mais especialmente cómpre destacar unha "Arsénico por compasión" cuns magníficos coros, unha acelerada percusión e até final surfeiro; "Pienso intoxicarme" cunhas guitarras e ventos perfectos para bailar; e o peche do álbum dun xeito máis melódico, power-pop e contundente con "A ras de cielo" e a presencia dun órgano. Outra cousa é a produción de Paco Loco, que neste caso semella restar máis que sumar brillo a bastantes boas ideas. Edita Rock Indiana, así que a 5 euros. PEPE CUNHA 18/05/08

the very best of Daniel Wylie and Cosmic Rough Riders

Este profiífico cantante e compositor pop escocés decidiu abandonar en 2001 os seus Cosmic Rough Riders, grupo que creara no 1998. A recompilación que nos ocupa contén pezas tanto coa banda que o deu a coñecer (do destacado "Enjoy the Melodic Sunshine" do 2000 aparecen ata 7 temas) coma dos seus tres álbumes en solitario, entre os que destaca “The High Cost of Happiness” (2006), representado aquí por 5 temas. Honrando as súas maiores e clásicas influencias (Byrds, Beatles, Beach Boys, Teenage Fanclub...), un total de 20 cancións ateigadas de melodías pop a manchea, guitarras acústicas, letras optimistas e coros doces i engaiolantes. Sen dúbida unha recomendable banda sonora para tardes soleadas con cancións tan magníficas e adictivas coma "Move In With Me", "The Grapevine", "Define Love", "The Pain Inside" ou "Can You Feel The Love?". En resumo, que resulta un pequeno pecado deixar de facerse con estas doses de luminosidade polo ridículo prezo de 5 euros. Edita Rock Indiana . PEPE CUNHA 18/05/08

bombones
zulu 9:30
everything is possible. the best of os mutantes
the very best of Daniel Wylie and Cosmic Rough Riders
os mutantes
diska
huellas