

supersuckers Live at Bart's CD Cellar and Record Shop
Para que non os coñeza, este directo resultará un descubrimento e incrementará as gañas de achegarse aos seus concertos pola Península. Todo un documento para fans e seguidores dos Supersuckers, pois este directo tivo lugar nunha tenda de música diante dunhas deceas de persoas. Xa sexa acelerados en "The Image of Me" e "Dead in the Water" ou relaxados en "Sail On" ou "Peace in the Valley", a enerxética vea country da banda de Eddie Spaghettde queda ben reflectida nalgo máis de media hora. Unha breve pero intensa mostra da incuestionable solvencia no directo, cun destacado Jordan Shapiro na steel guitar. A calidade da gravación (realizada en outubro do 2004) é magnífica á par que auténtica, polo que os fan máis acérrimos da banda están perante unha aposta segura. Dock. PEPE CUNHA 6/03/07
deerhoof friend opportunity
Esta banda orixinaria de San Francisco xa leva nove álbumes en 10 anos e desde o mesmo comezo do primeiro dos 10 cortes de "Friend Opportunity", non deixan dúbida de que rebosan entusiasmo e creatividade, pois nun só corte abranguen o que outras bandas exporían en tres ou catro. A pesar de faceren esta experimentación en cancións curtas (agás a que pecha o álbum "Look Away") conseguen ser asequibles e os máis puristas ou tradicionais disfrutarán de "The Perfect Me", "Believe ESP" e, obviamente, do sinxelo "+81". Tamén "Matchbook Seeks Maniac" ofrece a súa faceta máis pop, "Choco Fight" a máis sensiblñe e repousada ... En definitiva, que aquí cabe case todo: ramalazos de guitarra, retrousos pop, funk, maquiniñas, baterías, pianiños ... Bendita tolemia. PEPE CUNHA 6/03/07
siwel a healthier shift
Segue a amosar talento, segue a crecer sen presa pero sen pausa, segue a espir o seu interior con letras inspiradas en vivencias persoais (onde destaca a sarcástica "Friendly Call"), mais non se repite e abre as fiestras para completar un álbum máis fresco, con máis presenza do rock e o country alternativo, por citar influencias que manexan os seus acompañantes Sweetlanders (membros, ao igual que o productor Luis Martínez, da estupenda banda de pop-rock ben americano Euro-Trash Girl). Xa "10.27.05" abre dun xeito máis roqueiro do que lle coñeciamos, ao igual que a balada "Debris", medios tempos como "6.05 p.m."ou "Fifteen Days" e a irresistible melodía de "Seize It", sempre dentro do sólido nível xeral. Con só 23 anos xa acumula tres discos destacadísimos e constitúese como un segredo a voces dentro do panorama underground (en contraposición ao mainstream, refírome) peninsular. Zebra Records PEPE CUNHA 6/03/07
sharon shannon and big band live at dolans
Tremendo, intenso, abafante e máis que aproveitable dobre cedé gravado en directo na Dolans Warehouse de Limerick os 20 e 21 de xullo de 2006. Todo un festín de instrumentos, de estilos, de tradición irlandesa, de instrumentais, de invitad@s ás voces (Roesy en "Trailin´The True Star", Jon Kenny tremendo en "Big Rock Candy Mountain", Damien Dempsey, Declan O´Rourke, Mundy, The Brennan Sisters na adaptación reggae de "Hand Me Down My Bible" ... O público asistente debeu quedar abrumado pola intensidade de músicas e enerxías despregadas pola banda que acompañou á Shannon, probablemente a máis recoñecida acordeonista do mundo, aínda que ao violín e ao whistle tamén lle dá pero que moi ben. Nestas máis de dúas horas de música queda ben claro por qué é tan grande, e se un servidor tivera que mercar un só cd de folk este ano esta sería unha productiva escolla porque é unha auténtica botica. E non faltan as súa imprescindibles adaptacións de temas tradicionais coma "Blackbird", "Rathlin Island" ou "Sandy River Belle". O seu MySpace. Dock. PEPE CUNHA 6/03/07
dei suoni a path where no one thought
Interesante debut destes alacantinos que reforzan no estudio a súa formación básica (unha fermosa voz feminina, baixo, guitarras e batería) con atinadas colaboracións de acordeón, viola, theremín e outras voces. Conseguen así dotaren ás súas cancións desa atmósfera de ritmos nocturnos, pausados, envolventes. Por momentos lembran a Low, Kristin Hersh ou os Cowboy Junkies máis recollidos, mais a pesar de bos momentos como "Lullaby", "Sleepwalking As I Dream", "Alex Has Got a White Dress" ou "From the Cradle to the Grave", o álbum na súa totalidade semella caer en certa monotonía de ton máis triste ca melancólico. Hai que recoñecer que estamos ante o bo primeiro álbum, mais a dúbida é se a banda está disposta a abrir a fiestra a novos aires sonoros e estilísticos que non teñen por que privarlles dunha personalidade propia. En myspace. Closer Records. PEPE CUNHA 9/03/07


