discos
comentados en marzo ´07_2
máis en arquivo
discípulos de otilia
en blanco y negro
the pauls

discípulos de otilia en blanco y negro

Esta numerosa banda catalá de ska celebra os seus 15 anos de existencia inaugurando un selo propio, Soul Panda Records, ligado á súa propia axencia de management Músicas del caribe. Nunha coidada presentación en digipack que inclúe CD e DVD, o seu 5º álbum achégase desde un ska urbano ata o reggae, punk rock, funk, pop e soul para daren un repaso con letras máis ou menos afortunadas ao mundo no que vivimos: violencia de xénero, conflicto palestino, vicios consumistas, diversión, mocidade pasiva, influencia da TV... e atrévense a adaptar o "Guns of Brixton" dos Clash. O risco de caer en clichés e na simplicidade consúmase na prescindible e case infantil "Vacaciones en el bar", mais o álbum sae ben parado, con bastantes momentos aproveitables coma "Telephunken U-47", "Flor de abril", unha divertida incursión no spanglish con "Tequila Me Kills" e no inglés de "Blowjob", O xeneroso DVD inclúe unha exitosa e multitudinaria actuación en México, actuacións en TV e algún vídeo clip como o de "Ecuación". En myspace tamén colgaron temas deste álbum. PEPE CUNHA 19/03/07

vyvian life in hysteria

Desde Barcelona chega unha banda que desde este debut semella telo ben claro na súa aposta pola onda post punk dos primeiros 80. Formación básica de trío e referencias coma Joy Division, Echo and the Bunnymen, Bauhaus ou The Cure. Na boa tónica xeral do álbum, destacan cancións coma "Tonite", Das Fahrrad", "Romantic and Politic" e, especialmente, un hit en potencia como a bailable e estupenda "Let You Go". Ás efectivas melodías e o son básico e contundente súmanlle unha voz que por momentos lembra a Peter Murphy, Ian Curtis ou Iggy Pop. Un debut claro, contundente, con paso firme. PEPE CUNHA 19/03/07

fortune tellers remeber the future and taste broken cups

Todo o que sexa dicir que esta banda madrileña achégase ao seu son no directo é moi bo sinal. Neste álbum de interesante e longo título, ás atinadas composicións cheas de enerxía roqueira ("She´s My Pride"), máis popeiras ("Timekeeper") ou fermosamente relaxadas coma a magnífica "Winter song" súmanlle a experimentada producción de José Mª Rosillo (Sunday Drivers, Deluxe entre moitos outros nomes). Moito corpo na súa música, cunha voz entregada e un teclado envolvente reforzando a base rítmica e uns debuxos de guitarra de clara influencia clásica, na liña que une os Who e Traffic con Ocean Colour Scene, Supergrass, Kula Shaker... e dos Brincos a uns Lori Meyers a nivel estatal, pois as tres incursións no castelán saen moi ben paradas. Resumindo, á altura das súas influencias e entegrando boas cancións e entusiasmo. PEPE CUNHA 18/03/07

the pauls miss tokyo

Xa nos Bolivians e nos anteriores "The Champion of the World" e "Last Sunday" a banda liderada por Carlos Oliver amosara a súa competencia para crear boas melodías pop-rock. A continuación estaba lista para ver a luz en novembro de 2005, mais esa flamante gravación en Nashville, con xente de The Mavericks ou Manassas, non satisfizo á banda, que optou por gravar máis material. Ao final resultaría unha nova colección de cancións, sempre guiadas polas influencias clásicas dos Beatles, Stones, Young, Dylan, Ben Folds Five, Led Zeppelin... mais alonxándose da sofisticación en beneficio dun son máis directo e uns textos máis introspectivos. Pola súa xusta medida entre a bo e o asequible mercerían unha repercusión semellante a uns Sunday Drivers, por citarmos unha referencia estatal, pois este é un álbum ben aproveitable, con cancións atractivas coma "Fingers through your hair and rock and roll", o sinxelo "Miss Tokyo", a inmediata "The way you want it", medios tempos como "The princes of the moon", o baladón "Some kind of love". Achégate ao seu MySpace e a súa web. Edita WildThing-Dock. PEPE CUNHA 18/03/07

travolta el efecto amor

Hai dous anos que se separaron os Mercromina, mais Joaquín Pascual e Carlos Cuevas regresan xa cun novo proxecto baixo o nome de Travolta. Aínda que o nexo coa anterior banda estea ben presente na susurrante voz de Joaquín Pascual, agora as atmosferas envolventes, intimistas e uns textos espidos por momentos abandonan o ruído das guitarras polas acústicas, pianos e os arranxos de corda. Melancolía contida, fermosa tristura e nostalxia con ecos de Mazzy Star, Yo la tengo, Mojave 3 ... O estupendo sinxelo "Corazón valiente", "El efecto amor" ou os duetos coa fráxil voz de Ana en "La casa" e "Este momento tan especial" son mostras claras de que estes referentes do indie español seguen aí por merecementos propios. Producido pola propia banda e Paco Loco, en cuxos estudios foi gravado, o álbum contou coa solvente masterización de Greg Albi en Londres. Para degustar na intimidade. PEPE CUNHA 19/03/07

vyvain
life in hysteria
fotune tellers
remember the future and taste broken cups
miss tokyo
travolta
el efecto amor