

beach house devotion
O seu primeiro disco, homónimo, editouse hai un par de anos e din que foi comentado en blogs indies moito e positivamente. Este proxecto musical de Alex Scally e Victoria Legrand chega desde Baltimore e remite a Mazzy Star, Galaxie 500, My Bloody Valentine, Spiritualized, Yo La Tengo ... polo son narcótico, hipnótico, lo-fi, suave pero denso, relaxante, de órganos e teclados analóxicos, sintetizadores, a susurrante e preguiceira voz feminina, reverbs, filtros, detalles de slide nas guitarras (“All The Years”) ... Melancolía, cancións enlazadas con fluidez, crepuscular, “Gila” é o hit, pero un mencionaría tamén a versión de Daniel Johnston “Some Things Last A long Time”, o ton de son de berce de “Astronaut”, "Wedding Bell" ou "All The Years", "D.A.R.L.I.N.G". Un álbum que pasa desapercibido se non lle adicas un tempo de relax. Mais se o fas, engánchate. En mySpace. Edita Bella Union / SinnamonPEPE CUNHA 25/02/08
british sea power do you like rock music?
Intenso. Así poderiamos comezar a definir o terceiro álbum desta banda de Brighton, primeiro sen o teclista Eamon. Quizabes por isto se podería xustificar a presenza dunhas guitarras máis afiadas que nos dous destacables álbumes anteriores ("The Decline of the British Sea Power" do 2003 e "Open Season" do 2005). Desta vez, contan con 3 destacables produtores como Howard Bilerman (Arcade Fire), Graham Sutton (Jarvis Cocker), e Efrim Menuck (Godspeed You Black Emperor!), mais o álbum non soa nada disperso, senón moi sólido e contundente. Entre a apertura "All In It" e a súa xémea "We Close Your Eyes", feche do álbum, un fato de cancións poderosas de actitude rock, épicas, de himnos para a xente, como "Atom", "Lights Out For Darker Skies", "No Need To Cry", "No Need To Cry" e o destacado sinxelo “Waving Flags” como punto álxido. Como uns Manic Street Preachers, bo rock á inglesa nese incómodo terreo entre o mainstream e o indie. En MySpace. Edita Rough Trade / Sinnamon. PEPE CUNHA 25/02/08
the sadies new seasons
Unha década cumpre xa este combo que se move polas sendas do chamado country alternativo. Este sexto álbum confírmaos como unha das grandes contribucións á Americana saídas de Canadá, en concreto da musicalmente fértil Toronto. Tendo en conta que os seu anteriores traballos foron a banda sonora para un filme de animación (Tales of the Rat Fink) e un dobre álbum en directo no que participaron amigos como Neko Case, Jon Spencer ou Jon Langford, poderiamos agardar o comezo dunha nova etapa. Neste “New Seasons” os irmáns Good, Davis and Travis, máis afeccionados ata agora á instrumentalidade (aquí ben representada por "Wolf Tones") e recoñecidos case que como unha magnífica banda de acompañamento, destacan en especial nunhas baladas nas que cantan as relacións sentimentais afectadas polo triste paso do tempo. Grandes aprendices.dos maestros amosan a súa mestría musical cos bluegrass, country, blues ou o psych-pop brilla en moitos momentos, especialmente nunha "What's Left Behind" que lembra aos últimos Byrds, a intimidante guitarra de “The Last Inquisition”, unha "A Simple Apparition" ao Neil Young, a Dylaniana "First Inquisition, Pt. 4", as melodías de "Never Again" e "The Land Between". En MySpace. PEPE CUNHA 25/02/08
manuel veleta la calle del mundo
Segundo álbum de Manuel Veleta, irmán pequeno dos Jiménez de Presuntos Implicados. Precisamente a súa irmá Soledad o acompaña a dúo en “El lago profundo de la añoranza”. Coa correcta produción de Vicente Sabater, este compositor (tamén bo cantante) pon o énfase nas melodía e as letras destas 13 cancións, todas elas argalladas sobre estructuras pop moi fácilmente recoñecibles, así que non procuren aquí sorpresas. El mesmo fala dun " disco positivo, intenso, contundente y energético. Un trabajo extrovertido y dinámico que seguro va a suponer un firme paso hacia adelante en mi carrera". O normal sería que cancións como "La calle del mundo", "Abrázame fuerte", "Estéreo", "Voltereta", a propia "El lago profundo de la añoranza"... soasen nas emisoras comercias, pero nese aspecto hai tempo que España ten pouco de normal. En MySpace. PEPE CUNHA 25/02/08
