

pecker dos y las nadadoras
Baixo a producción electrónica de The Pinker Tones o segundo álbum de Pecker (antes Pequeño Pecker) presenta melodías adhesivas, retrousos marcados e letras persoais, alonxadas de tópicos. Na significativa "Nada es lo mismo" confesa: "me sirve igual acústico que electrónico/digital o analógica/sólo es música/son mis pasiones". Ecléctico de canción a canción, Raúl Usieto abre cun funky sensual ("Souvenir") e pecha cunha balada ao piano ("Amor de estómago"), viaxando polo rapeo de "Nada es lo mismo", o pop electrónico de "Uno y uno" ou "Tu boca es espiral", unha curiosa versión en castelán do "Five Get Over Excited" dos queridos Housemartins, a reflexiva "De los satélites y de algún dios", o ar beatle de "Adiós amigos"... Quen non se conforme co de sempre, pero tampouco queira grandes sorpresas, ten aquí un álbum que merece apoio dunha discográfica tan potente. Tremendamente aproveitable, é unha desas coleccións que agradecen varias escoitas sen deixar de conter hits tan potenciais como o puro baile de "Encantadora lunática" (co acompañamento de Miqui Puig). PEPE CUNHA 15/11/06 web do artista, myspace.com/peckerpop
cooper días de radio
Sabor cinematográfico para este EP con tres novas composicións e unha convincente versión dos Gigolo Aunts ("Where I Find My Heaven"). "El sur" (título da segunda película de Víctor Erice) trata da esperanza e confianza no amor alternando intensos momentos guitarreiros con outros de repouso; o medio tempo "Rainman" lembra aos Teenage Fanclub; "Un día de furia" amosa un ritmo frenético e unha desas letras impulsivas e urxentes marca da casa, coma o título; e para postre esa boa versión dun tema que aparecía no filme "Dous parvos moi parvos" dos irmáns Farrelly. Boas mostras de pop de guitarras e melodías de escola presentadas fermosamente en digipack. O bo se breve... PEPE CUNHA 15/11/06 recupera o noso mini-especial con motivo da publicación de "Retrovisor"(2004)
los de abajo cybertropic chilango power
O selo Sinnamon Records está a recuperar traballos editados por Luaka Bop, esa interesante iniciativa discográfica levada adiante por David Byrne, líder dos lembrados Talking Heads. Neste caso trátase un magnífico disco de 2002 dos mexicanos Los De Abajo. Unha vez calmaron os comezos máis skatalíticos do seu álbum homónimo do 1998, este traballo da súa madurez foi atinadamente producido por Hermandad Chiruca (Dani Macaco) e amosa unha ollada moderna a diferentes áreas da música mexicana e centroaméricana coma corridos, rancheiras, boleros... "Qué mala suerte", "El loco", "Nada" ou "Mátame amor" amosan gran riqueza musical e merecen recoñecemento e disfrute. Significativas colaboracións de Dani Macaco e Amparo Sánchez (Amparanoia) entre outr@s. PEPE CUNHA 15/11/06
bau tiempo al tiempo
Rockanbole Producciones edita o primeiro disco deste coruñés emigrado a Madrid que ata o de agora entregou cancións para voces alleas. A máis destacada, por repercusión comercial, foi a canción "De vuelta" de Nuria Fergó (un producto OT). Gravado en Cádiz por Juanma Leal, "Tiempo al tiempo" conta coa participación de músicos habituais en traballos de estudio e/ou directo de xente coma Chenoa, Andy y Lucas, Efecto Mariposa...e confesa, sen sorpresas, entre as súas influencias nomes destacables do chamado pop español (Mamá, Los Secretos, La Guardia...) canda outros máis dubidosos (La Trampa, Modestia Aparte...). En fin, unhas cancións prescindibles agás para nostálxicos que se conformen coa parte máis mediocre, ateigado de lugares comúns e fórmulas manidas. Afortunadamente, o pop rock español ten máis nomes a recuperar e algúns en activo, como La Granja ou 091, por citar só dous. PEPE CUNHA 15/11/06 todobau.com

