

carlos childe
carlos childe cooking melodies
Este coruñés de adopción, gran afeccionado ao blues e os seus derivados edita un sorprendente disco de debut. Onde estivo ata agora ?... pois non é un cativo. Acompáñase dunha "troupe" na que atopamos músicos que están ou pasaron polos Bluesmakers de Miki Nervio ou a Mr.Dixie Band, sen dúbida nomes con prestixio na escea non só coruñesa. Mais non se asunten quen no sexan entendidos en blues, pois non é necesario para degustar este disco de aire clásico e ben ameno, con temas lentos ("Lost in my Own Room"), medios tempos ("Yellow Meadow") e algún máis bailable, como "Blues Wander Round the Room" ou o sinxelo "Sitting by the fire". Ao longo das 8 cancións propias e 4 versións, atopamos un disco coa coidada produción de Casa de Tolos e uns Mañufe Horns nos metais arroupando á banda e á voz rasgada de Childe. Destaca gratamente o elegante aire latino en "The House of the Rising Sun" e unha "Blue Moon" máis relaxada, mais era necesaria outra versión do "Summertime" ? Un disco ben disfrutable editado por PAI-Música. PEPE CUNHA 02/11/07
Se a estas alturas non oíches falar desta banda é que non andas nada ao tanto da fornada de bandas galegas dos últimos dous ou tres anos. A base de divertidos concertos de contundente trío de power pop, temas con gancho e bagaxe previa (en formacións como Samesugas, Fame Neghra ou Redullos) foron convertíndose nun dos nomes máis populares da música cantada en galego. Esta súa terceira gravación xa aparece con discográfica (Falcatruada), aínda que podes seguir a baixar da súa web as cancións en mp3, e reflicte unhas gravacións que veñen producidas con mellores medios e máis tempo, repercutindo favorablemente no son. Santi García (responsable dos estudos "Ultramarinos Costa Brava") introduciu arranxos de hammond, trompetas, acordeón ou percusión e haberá quen pense que así soa demasiado elaborada a proposta de The Homens, perdendo frescura ou inmediatez. Nunha primeira escoita non lles faltaría o seu chisco de razón para con algunhas cancións, mais de seguida constátase que este álbum non perde as pegadas do post punk, o power pop ou o descaro nas letras ("Monte Moriah", "Calamar", "Cen días", "Mr. Vai Mal"...) e ademais engade a procura de novas miras estilísticas como na intensamente lenta "Opositora", "Le Colombière" "Prende o sol". Dnde xa, un álbum referente para o noso país. Se para España Los Brincos fixeran o "Dance the pulga", pois para Galiza "Dance the troita" con The Homens. PEPE CUNHA 02/11/07
gastelo ahórrate las flores
En realidade este non é o debut da cántabra Victoria Gastelo mais, segundo ela, lonxe queda daquel "En la luna" (Sony,'02) que a levou a escribir temas tamén para outra xente. Estas novas 10 cancións amósanse honestas, moi comunicativas, sentidas, de apariencia sinxela mais ben traballadas unha por unha, con cadansúa identidade propia e calidez. Unha compositora e intérprete que bebe dunhas moi boas influencias ás que aporta o seu selo propio. Máis ca unha promesa, unha auténtica realidade con varias cancións ás que non se lle achegan nin por asomo a maioría das que nos queren "vender" dende as frías radiofórmulas. "Me estás quitando la luz", "Como el sol" (moi recomendable el vídeoclip), "Me vas a matar", "Aunque no sea yo" (que lembra un chisco ao "Aunque tú no lo sepas" de Quique González), "Estoy aquí" ou "Me faltan canciones" (con ese toque tan Drexler de engadir unha suave electrónica) son só exemplos do bo nivel compositivo que sobrevoa o álbum. Ela mesma di "Estoy aquí, aunque nadie me escoja, ya nadie se moja. Ni se acuerdan de mí" e nós fariamos mal en ignorala. En MySpace. PEPE CUNHA 03/11/07
eef barzelay eef barzelay
Para quen non lle soe nada o nome, cómpre dicir que se trata do líder dos Clem Snide, un dos fitos do chamado country alternativo. Este disco homónimo é a continuación de "Bitter Honey"('06), onde xa atopabamos unha colección desas cancións que non "entraban" na banda, máis persoais ou que requerían outro tratamento máis individual, como soe acontecer cos proxectos paralelos. Nesta ocasión con banda eléctrica, conserva a elegancia, as melodías tenras e a ironía (algúns din que propia de xudeus como Eeef) para unha proposta que parte dese country alternativo ou do rock and roll clásico en dirección a melodías pop máis marcadas (Posies, Yo La Tengo) ou folk tipo Waits, Steve Earle, ou incluso Violent Femmes. Un disco e unhas cancións que requiren atención sen deixar de ser disfrutables, especialmente para o público afeccionado a nomes como os citados e ao Neil Young de "On the Beach" (disco favorito de Barzelay). PEPE CUNHA 03/11/07


3