

cornelius greatest hits
Aquí teñen o álbum debut do combo arousán de rock que chegou ata a final española na loita por representar a España na final mundial que se celebrará en Londres en decembro. Rock and roll de diferentes épocas, con temas pegadizos como o que abre o álbum "Fool Forever" (olla o vídeo clip) os toques funky de "Inspiration" ou "Dance" (ídem), rock and roll setentero en "Babe" ou "Black Beauty", unha sorprendente versión rockabilly do "Dangerous" do xamaicano Peter Tosh, un par de boas baladas, un "Hurry Up" con suave toque ska, as baladas "Change Your Heart" e "Dragonfly", a máis oitenteira "Extermination Angels"... Un son convincente, de estructuras recoñecibles por clásicas pero moi ben executadas, un bo cantante, guitarras e teclados eficientes... Ata o productor ee enxeñeiro Mick Glossop se achegou a Galiza para traballar con eles. Sen dúbida, máis que recomendable un achegamento a este traballo editado por PAI-Música. PEPE CUNHA 18/11/07
turistas espaciales telepatía astral para gente normal
"Un disco de ciencia ficción basado en hechos reales" que nos chega de Madrid. Mais que non se confundan os anti-electrónica, pois trátase dun pop rock cunha clara influencia espacial nas letras e arranxos de programacións e teclados como as que podían ter Bowie ou os primeiros Radio Futura, "Mi meteorito favorito" ou "Mi mente no soporta mis pasiones" soan máis a uns Surfin´Bichos ou outros nomes referentes da escena indie nacional... Ao longo destas 10 + 1 cancións ben presentadas apreciamos unha proposta, probablemente intencionada, entre decadente e elegancia, dramatismo e frivolidade, inocencia e ironía. Tras un par de escoitas apreciamos un bo debut con temas con gancho como "Pastillas contra el arrepentimiento", o toque psicodélico de "La serpiente de mi boca", "Máquina cósmica", "Demasiado cerca no interesas" ou "Maniquí", pero... madurarán o seu desequilibrio ou tirarán por algunha das liñas que apuntan nesta presentación?. Olla o vídeo clip de "Lunático". Edita Closer Records. PEPE CUNHA 18/11/07
alan silvestri música de cine 2
Acompañado da Orquesta Filarmonía y Coro de RTVE, o director e compositor Alan Silvestri deu no II SONCINEMAD o seu primeiro concerto. O 1 de xullo deste 2007 fixo un repaso por pezas das súas variadas bandas sonoras de aventura e acción ("Regreso ao futuro", "O regreso da Momia"), cómicas ("Un ratiño duro de roer") , comedias románticas ("O pai da noiva"), navideñas ("The Polar Express"), dramáticas ("Náufrago", "Forrest Gump"). Como din os directores do festival: "Una vez más la música demostró no necesitar de su correlato fílmico para resultar elocuente, coherente, completa". Edita RTVE Música. PEPE CUNHA 18/11/07
miki nervio & the bluesmakers 15 years old blues
En realidade non se trata dunha gravación nova, pois data de 2 días de setembro de 2005 na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Porén, a produción non é todo o profesional que merecerían, mais a súa proposta de blues tradicional, rural e do máis clásico encaixa ben cun son directo, sen pulir. Desta vez o bo labor de PAI-Música, a discográfica-produtora sita en Gondomar, consiste en difundir coa súa (re)distribución o traballo destes xa veteráns das salas e mesmo das rúas, coruñesas especialmente. Catro temas propios e moitas recreacións de Ry Cooder, Lightnin´ Hopkins, Duke Ellington ... Con todo o sabor auténtico do contrabaixo, a mandolina, as guitarras acústicas e unha pequena batería. Porque Miki e os seus son auténticos. PEPE CUNHA 18/11/07


telepatía astral para gente normal