discos
comentados en outubro 2008
máis en arquivo

sweet oblivion band melted to oblivion

Esta banda que chega de San Sadurniño semella telo ben claro, pois dende o seu mesmo nome, tirado dun álbum dos Screaming Trees, declaran a sua filiación co movemento grunge. Quen creceron ou se iniciaron con aquelas bandas da órbita de Seattle (Pearl Jam, Soundgarden e demais) sen dúbida apreciarán nestes máis de 30 minutos bos momentos tanto nos instrumentos como na voz. Un queda con "Never" ou "Thin ice", mais agarda con curiosidade a ver cara onde se moverán na súa proposta musical (non é cuestión de entrar agora no debate sobre as limitacións do grunge.) Quizais a salientable colaboración ao teclado de Johnny Fingers pode ser máis ca anecdótica. Porén, o que queda claro é que merecen seguirmos a pegada á continuación deste traballo coidadosamente presentado en meritoria autoedición. Pepe Cunha 4/10/08. En Myspace.

the war on drugs freedom wind

Esta banda de Philadelphia amósase desde a resultona "Arms Like Boulders" como unha banda do seu tempo, que mestura o carácter indie coa inspiración clásica. Vaia, que aprenderon tanto do son por momentos opresivo duns Sonic Youth como do clasicismo dun Neil Young. Neste álbum de debut non semellan iren de iluminados ou quereren causar a última gran sensación, o que se agradece bastante nestes tempos de hypes e estreliñas saídas da nada. O vocalista Adam Graunciel lembra a cantantes como Dylan ou Ian Hunter. Neste son de contrastes, destacan as guitarras atmosféricas e por momentos noise de "Taking the Farm", que casaría ben cuns Cocteau Twins, o exercicio post shoegaze do instrumental "Coast Reprise", os teclados e a batería psicodélicas ao Spaceman 3 de "A Needle in Your Eye #16", o aire de melodía tradicional recuberto polos The Jesus and Mary Chain en "Buenos Aires Beach", e os 10 minutos de "Show Me The Coast", tan Television no ritmo e cunhas guitarras ao John Squire de Stone Roses ... En definitiva, unha verdadeira homenaxe a todas esas destacables influencias non mainstream. Pepe Cunha 7/10/08 En MySpace. Edita Houston Party Records


remate safe and sound

Media hora intensa en once cancións que mostran todas as súas caras e das que o esixente oínte goza a cada escoita. Abre cunha "An Eye in the Forehead" coa que os máis apresurados e despistados xa o colocarían na onda de cantautor folk rock. Mais "Rise and Shine" inmediatamente descoloca e comeza a confirmar a pasmosa facilidade coa que se move por diferentes estilos soando sempre natural e personal. Nas mans dun autor independente coñecedor das raíces e elegante, son moitos detalles que engaiolarán aos melómanos: "Perfectly Amazing" soa a crooner cabareteiro, os teclados enchen "Get Lost", fermosos coros abren "Unharmed", os ventos e as guitarras de "Dead and Alive Holes" ... Este quinto álbum pode servir de magnífico resumo da súa proposta anterior e iso é falar dun alto nivel cando se trata dun autor que conseguiu a unanimidade da crítica estatal especializada. E tamén da británica! Un álbum que agradece unha escoita atenta. En MySpace. Edita Mushroom Pillow Pepe Cunha 7/10/08

the donkeys living on the other side

O segundo álbum desta banda de San Diego, California, soa tan fiel a tradición da súa terra natal que provoca desde os primeiros acordes a nostalxia de míticos nomes como Eagles, Grateful Dead ou Crosby, Stills, Nash and Young. Once cancións mornas de pop rock bañadas en tradición country, as máis das veces relaxadas, outras un chisco máis apuradas, mais sempre con efectivas harmonías vocáis e melodías de guitarras acústicas. "Walk Though a Cloud", "Bye Bye Baby", "Traverse Wine" ou "Downtown Jennie" destacan nun álbum tremendamente disfrutable en días soleados ou con saudade dos mesmos. Certo é que non aportan nada novo, mais soan naturais, sen pretenderen adoptar unha pose ou achegamento á moda vintage. Pepe Cunha 4/10/08 en MySpace. Edita Houston Party Records

remate

the war on drugs

the donkeys
sweet oblivion band
safe and sound
wagonwheel-blues
living on the other side
melted to oblivion