





katie melua piece by piece
Esta xove artista xeorxiana que reside en Londres pon de novo a súa doce voz ao servizo do productor e guía musical Mike Batt. Nesta segunda entrega xuntos misturan a accesibilidade do pop co jazz vocal ou o blues (a versión "Blues in the Night" é o mellor exemplo). Si, gustará aos seguidores de Norah Jones, referencia obrigada por estilo, xuventude (20 anos), fermosura e gusto musical, pois Melua tamén pode escreber boas cancións, coma a antiracista "Spider´s Web" ou "Halfway Up The Hindu Kush" (a medias con Batt). Mais, como ocorría coa súa adorada Eva Cassidy, destaca polo tratamento das cancións alleas, aínda que sexan tan coñecidas como a marabillosa "Just Like Heaven" dos Cure ou o mítico "On the Road Again" dos Canned Heat. Un son impecable para unha escoita confortable, doada sen chegar a empalagar. Un deses discos aos que non podes odiar por vender moito (leva moito máis de 2 millóns de discos vendidos por toda Europa), pois van crecendo ao tempo que son compartidos polo público; é dicir, máis producto que promoción, porque ás veces hai discos ben feitos que chegan a moitísimo público. Outra cousa son os ouvidos máis esixentes ou ávidos de máis acción. PEPE CUNHA 23/05/06
the essex green cannibal sea
Desde New York unha banda que fará as delicias, por exemplo, dos seguidores de Belle & Sebastian máis permeables ás influencias americanas. Os tres compoñentes da banda poñen voz a estupendas alfaias de pop atemporal, de fermosos arranxos, con precisos detalles aquí e aló invitando a repetir escoita sen que iso signifique perda de frescura. Este seu terceiro álbum non ten desperdicio ningún. Polo contrario, está plagado de cordas, pianos e coros en cancións irresistibles, redondas, variadas, coma "This Isn´t Farmlife", "Don´t Know Why (You Stay)", "Snakes in the Grass", "Rue de Lis", "Sin City"... Un agasallo para oidos abertos ao mellor pop. MUSHROOMPILLOW.COM. Pepe Cunha 10/05/06
quique gonzález ajuste de cuentas
Aproveitando o seu regreso a un discográfica multinacional, un dos mellores talentos compositivos do rock en español da última década repasa cancións dos seus cinco traballos editados. Desde a promesa que foi con "Personal"(1997) ata o magnífico "La noche americana"(2005) e pasando polo encantadora precariedade de "Salitre 48"(1999), Quique xa as viu de bastantes cores na súa relación coas discográficas e a xestión de concertos, polo que tiñamos ben claro que este álbum en directo non ía defraudar. Los Taxidrivers están magníficos (cun Carlos Raya que non podía faltar), os invitados á altura (Drexler, Bunbury, Ferreiro e Miguel Ríos), a filmación en DVD coidadísima, o alicerce engadido de catro temas novos ("Caminando en círculos", "Arañazos de piel roja", "A cara de perro" e "Por la borda") e unha producción e son impecables. Se es fan de Quique, imprescindible. Se, despistad@, quedaches nos mellores Secretos ou Antonio Vega, engádelle algo máis de rock e un toque de americana e aquí tes a sexta proba de que temos un xove songwriter español á altura do que nos chega de fora. PEPE CUNHA 28/04/06
buika mi niña lola
Concha Buika xa destacaba no seu debut pola súa fermosa voz, talento e enerxía, con eses ecos de África, América e Andalucía. Neste seu segundo disco segue a combinar o jazz co soul e un sabor flamenco e racial. Abre revitalizando 3 coplas como “Mi Niña Lola”, “Ojos Verdes” y “Te Camelo”, mais non pensen que só é unha voz, pois tamén toca baixo e piano e compón: "A mi manera", "Love", "Loca" e o estupendo tema que pecha o álbum "Jodida pero contenta". E para asegurar un bo resultado conta coa producción dun Javier Limón que segue en estado de gracia e a colaboración de músicos da talla de Niño Josele (guitarra flamenca), Horacio “El Negro” (batería), Jerry González (trompeta), José Reinoso(piano), Alain Pérez(baixo), Ramón Porrina (percusión) e a voz aflamencada de Montse Cortes. Son brillante e producción exquisita para a confirmación dunha das artistas máis destacadas nos últimos anos en España. PEPE CUNHA 20/04/06
standard "3.000 V-40.000 W"
Primeiro álbum da banda de Getxo que gañou o Proxecto Demo 2005 e obtivo a consideración coma mellor maqueta do mesmo ano na MondoSonoro. Rock e baile con clara influencia do son Madchester: guitarras agresivas, moito baile, toque electrónico e unha producción que apunta ao son directo da banda. Aínda que o disco faise longo e non consegue manter a intensidade, alomenos a metade dos cortes, especialmente "On the Floor", "The Happy Song", "The Pill Song" e "Txusma remix", cumpren con creces o seu cometido. Sen dúbida unha recomendación para os corpos, mentes e ouvidos ávidos da tolemia de baile indie. Mushroompillow PEPE CUNHA 19/04/06