discos
primavera 2006 (2)
máis en arquivo
santiago y luis auserón
las malas lenguas
jason collett
idols of exile
this old road
kris kristofferson

hall of fame records 1993/2005. XII años fuera de juego

katia guerreiro
tudo ou nada

santiago y luis auserón las malas lenguas

A tradición de adaptar ao castelán cancións que nos chegaban noutras linguas andaba algo esquecida tras o seu auxe nos 60. Mais na xira conxunta de Juan Perro e Kiko Veneno de hai máis dunha década, eles retomábana recreando atinadamente o "Hard To Handle" de Otis Redding como "Duro de pelar". Esa versión aparece por fin gravada xunta con once temas máis, todos archicoñecidos da historia do rock, o blues e o soul. Quizais o feito de que estas cancións estean tan gravadas na nosa mente provoque un instintivo rexeite inicial a unha adaptación das letras ao castelán, mais cun artista tan preocupado pola lírica como Santiago Auserón, sabiamos que non se trataría dun proxecto meramente oportunista e carente de entrega e traballo. Ademais, nos estupendos concertos que xa ofreceran baseados neste repertorio puidemos constatar que os acertos eran máis numerosos que as posibles "coxeiras". Se cadra "Suéltame"("Set Me Free") ou "Hotel del dolor"("Heartbreak Hotel") non queden tan fluídas, pero "Quién lo iba a suponer"("You Never Can Tell"), "Por un hechizo" ("I Put A Spell On You"), "Ya es domingo"("Sunday Morning"), "Las malas lenguas" ("I Heard It Through The Grapevine" e, sobor de todo, a difícil "Balada de un tipo delgado" de Bob Dylan poderían dar o pego como escritas orixinalmente en castelán. Ese supoñemos que era o obxectivo destas adaptacións e o resultado semella ben satisfactorio. Pepe Cunha (17/04/06) web

jason collett idols of exile

Arts and Crafts é o selo impulsor dunha intesante escea en Toronto. O último que del nos chega é o primeiro álbum, concebido como tal, de Jason Collett, unha sorte de cantautor cálido, melancólico mais nada triste. Ao longo dos 12 cortes viaxamos amenizad@s por armonías douradas, doces, acústicas relaxadas, country alternativo ("Pink Night"), folk intimista ("Almost Summer"), pop indie... Moitas boas cancións como a estupenda "Hangover Days" a dúo con Emily Haines, "Pavement Puddle Stars", "These Are The Days", as máis movidas e ideais para a estrada "I´ll Bring The Sun" e "Feral Republic". Un disco ben coidado na producción e construcción das cancións ("We All Lose One Another" engancha desde o a primeira escoita) e con colaboracións de membros de Metric, Broken Social Scene ou Stars. Un proxecto menos ambicioso que Broken Social Scene, banda na que exerce coma guitarrista desde o 2001, pero dun talento compositivo ben aproveitable. (Arts and Crafts-Sinnamon Records) Pepe Cunha (10/04/06)

kris kristofferson this old road

Sen editar material novo desde o "Moment of Forever" de hai 11 anos, poucos esperaban que o novo álbum deste veterán (case 70 anos) chegaría a ser disco de marzo na prestixiosa revista Mojo. Mais despois xa dunha primeira escoita non é de estranar que o productor Don Was quedara tan encantado. A maioría das cancións son claramente espidas tanto na instrumentación como nas letras: simplemente Kristofferson coas súas voz e guitarra e sen perder un chisco da súa conciencia social ("Pilgrim's Progress," "Wild American," "In the News," and "The Burden of Freedom"), o recoñecemento do amor e o perdón ("Thank You for a Life" "The Last Thing to Go" "Holy Creation") e ata unha canción country acerca dun asasiño e foráxido("Chase the Feeling"). "Ten moito que ver co que foi a miña viaxe persoal ata agora e co sentido que lle din á miña vida". Gran credibilidade no seu fraseo, honesto, cercano, de ti a ti co ouvinte. E non podía rematar doutro xeito, cunha "Final Attraction" na que trata da especial relación entre o cantante e a súa audiencia. En definitiva, moito que dicir a quen estea disposto a escoitar. (New West-DOCK) Pepe Cunha (05/04/06)

HALL OF FAME RECORDS 1993 / 2005. XII AÑOS EN FUERA DE JUEGO

O selo levantino, pequeno en dimensión mais grande en ilusión, edita unha selección do seu catálogo e un segundo cedé con directos, descartes, proyectos abortados, anticipos, etc. Entre os artistas dos que podemos disfrutar, tan peculiares como o selo, están Caballero Reynaldo, Señor Mostaza, Malcolm Scarpa, Pando, Teddy Baxter... Se non sabes de qué benditos tolos estamos a falar, pero che pica a curiosidade, este é un bo momento para deixarte sorprender polos encantos do "free-pop". Por riba de modas ou tendencias: "en fuera de juego". Pepe Cunha (05/04/06)

katia guerreiro tudo ou nada

a fadista portuguesa KATIA GUERREIRO presenta o seu terceiro álbum "Tudo ou Nada", tras "Fado Maior" (2001) e "Nas Maos do Fado"(2003). 14 temas sobre ledicia, tenrura, compaixón, amor, amizade, dor....en poemas musicados en fados ou baladas de Vinicius de Moraes ("Saudades do Brasil em Portugal"), Sophia de Mello Breyner ("Quando"), António Lobo Antunes ("Disse-te adeus á partida")ou a "Dulce caravela" de Dulce Ponte, por citar só algúns. A nota menos melancólica pona a optimista letra de "Muda tudo, até o mundo" musicada por Alberto Costa. Tamén resulta especialmente destacable o acompañamento do pianista e compositor Bernardo Sassetti en "Minha Senhora das Dores". Sen dúbida, magnificamente arroupada polos seus músicos e compositores Paulo Valentim, Joao Veiga e Rodrigo Serrao, eis unha voz que é agasallo para os ouvidos. Resistencia. PEPE CUNHA (2/04/06)