


micah p. hinson and the red empire orchestra
O mozo que escapou do seu entorno fundamentalista en Memphis a Texas, onde combinou mala vida con formación na escena musical amosou, nos merecidamente aclamados "...and the Gospel of Progress"(2005) e "...and the Opera Circuit"('06), unha lírica baseada nas feridas dunha tormentosa vida. Estas semellan ir cicatrizando na reválida dun terceiro disco que contén todo o moito bo dos seus anteriores e un menor pouso de tormento. Sen deixar de emocionar na maioría das composicións, aproveita mellor o estudo de gravación e dota ás cancións dunha embalaxe exquisita, co banjo de "When We Embraced", a gran orquestración de "I Keep Havin´These Dreams", segue a ouvear en "The Fire Came Up To My Knees", "Tell Me It Ain´t So"soa máis espida e incluso unha balada na que xoga a achegarse ao Roy Orbison, "We Won´t Have To Be Lonesome." Porque sempre amosa clase e personalidade abonda, pois mestura un certo neoclasicismo, cunha independencia de seu, rixíndose polo seu instinto e coñecemento, que o sitúa nun lugar destacado da chamada americana ou country alternativo. Quizais sexa o seu mellor disco até o de agora, o que é moito decir. Pepe Cunha 07/09/08. En Myspace. Edita
Houston Party Records
¿É posible querer sonar como os Beach Boys e non resultar lamentable? Opinar sobre o disco debut desta banda de Carolina do Sul non é cuestión de maior ou menor subxectividade, pois soan descaradamente aos de Brian Wilson. Si, non pasarán a historia como referentes, pero que ben senta escoitar este disco que tan atinadamente emula as cancións pop tan redondas e luminosas dos mestres, as baladas anxelicais ou os toques soul. Dubido que, con temas propios, poda haber unha mellor imitación dun álbum dos Beach Boys: instrumental e liricamente, de harmonías e arranxos perfectamente calibrados, produción vintage ... e títulos tan representativos coma "Last Kiss", "Freedom Wind", "Summer Air" ... Chámalles clon, tributo, copia ou préstamo pero non hai termo medio: ou flipas nostalxicamente ou pasas duramente. Pepe Cunha 07/09/08 Edita
Houston Party Records
universal circus hello sunshine
Cinco anos despois do notable debut “Shining Lights”, Universal Circus (proxecto dos Automatics José Lozano e Poncho, David Morales, de Smoker Snails, e Álvaro Blas, batería dos granadinos Starchildren) ofrecen unha versión canda menos mellorada. Conservan, nunha xusta medida, a súa ampulosidade e a dose característica de psicodelia, así como as recargadas construcións vocáis, pero afiaron as guitarras e aportan máis enerxía e vitalidade ás súas composicións. Porén, conseguen un disco máis directo e menos complexo, cuns ambientes atmosféricos que seguen a resistir as escoitas. Mais, poñendo sempre por diante a liberdade individual da escolla de idioma de expresión, o nivel de inglés nestas cancións deixa moito que desaxar, especialmente na pronunza. Isto empaña un traballo atemporal presentado cun bonito “artwork” e baixo unha destacable producción do versátil Carlos Hernández (Triángulo de Amor Bizarro, Deneuve). Edita Mushroom Pillow Pepe Cunha 05/09/08
lizgairo diacronías
Contextualicemos: uns vellos (re)coñecidos como Rodrigo Romaní (Milladoiro ...), Anxo Pintos (Berrogüetto, Matto Congrio...) e Xosé Liz (fundador de Beladona e Entretrastes) coinciden na Escola de Artes e Oficios en Vigo, a sede da orquestra folk SondeSeu. Un día deciden xuntarse e traballaren nun repertorio que mestura melodías da tradición oral coas posibilidades acústicas de tres instrumentos como a arpa, a zanfona e o bouzouki. O resultado, música de raíz, en clave instrumental e ollada desde a modernidade resulta, como era de agardar dada a profesionalidade e experiencia dos integrantes, neste fermoso e delicado "Diacronías", unha interesante visión da música popular cunha perspectiva contemporánea. Pepe Cunha 05/09/08 Edita Falcatruada.


lizgairo