discos
comentados en xaneiro ´07
máis en arquivo
micah p. hinson
and the opera circuit
bronski
el sueño más largo

micah p. hinson and the opera circuit

Nascido nun entorno Cristián fundamentalista en Memphis, non foi ata cando mudou na súa adolescencia para Abilene (Texas) que comezou experimentar coa música e os narcóticos. Desde entón, a súa vida semella ben intensa, pois antes dos 20 xa pasara polo cárcere, combatira a súa adicción e declarárase en bancarrota. O seu debut musical foi no inverno de 2003 co colectivo de pop de cámara The Feelies, onde xa amosaba historias de amor, perda e lamento. Logo virían no 2005 "Micah P. Hinson and the Gospel of Progress" e no 2006 "Baby and the Satellite", o EP de debut "Lights from the Wheelhouse" co proxecto máis experimental the Late Cord e, por se fose pouco, o álbum que agora nos ocupa. "Micah P. Hinson and the Opera Circuit" amosa a súa faceta máis de raíces, máis de songwriter. Non só arrasa con baladas coma "Seems Almost Impossible" ou, especialmente, a impresionante "You´re Only Lonely", senón tamén co brass que alegra "Jackeyed" ou "Letter to Huntsville", o vals etílico " It´s Been So Long", unha "She Don´t Own Me" que soa vellísima, como o ar xitano de "Diggin´a Grave", a nocturna "Drift Off to Sleep" ... Magnífico álbum e toda unha encarecida recomendación para os que gosten dos sons americanos. Un músico de country-folk con gran personalidade, apaixoado, intenso, prolífico. PEPE CUNHA 15/01/07

abe rábade - guadi galego - ugía pedreira nordestin@s

Nordestin@s gravouse en directo no Teatro Principal de Santiago de Compostela no pasado setembro. As voces xa familiares de Guadi (Berrogüetto) e Ugía (Marful) recollen 12 cancións, das terras de Cedeira e Foz principalmente, transmitidas por diferentes xeracións e interprétanas unha vez pasadas polos fermosos arranxos dun dos nomes imprescindibles do jazz feito no país. A tradición e a modernidade nas mans e voces axeitadas deron coma resultado un álbum tan fermoso e ben feito que se converteu este pasado Nadal nun merecido e ilusionante fito de vendas na música galega. Abe defíneo mellor: "...Música vocal...tradición mariñeira...harmonía de jazz...Todas as formas, sabéndoas mirar, son fermosas, en palabras do alemán apaixonado". Grazas. PEPE CUNHA 15/01/07

hefner maida vale

Nova referencia dos Hefner tras o seu "The Best of" (xa comentado e recomendado neste portal) e a compilación de inéditos "Catfight", ámbalas editadas o pasado ano. "Maida Vale" é a documento sonoro dunha actuación especial o 23 de agosto de 2000 no programa de John Peel na Radio 1 da BBC. Presentaban daquela o álbum "We Love The City" (8 dos 10 temas aquí presentes) cunha formación especial: steel pedals, sección de metais, violíns, ukeleles e a voz de Amelia Fletcher acompañando aos habituais guitarra, baixo e batería. Aínda que contén grandes interpretacións de "The Day That Thatcher Dies" ou "Don´t Flake Out On Me", seguramente non é a mellor introducción á desaparecida banda de Darren Hayman, pero si un concerto moi especial pra quen xa coñecen o bo feixe de boas cancións dun pop claramente británico, con retrouso e letras con miolo. E seica neste 2007 seguirá a editarse material do fondo de catálogo dunha banda que xa case podemos considerar de culto, a pesar da accesibilidade da súa proposta. PEPE CUNHA 15/01/07

bronski el sueño más largo

Tras a repercusión acadada polas maquetas na súa Zaragoza natal, o trío formado polos irmáns Miriam e Jordi Brunet e Javi Rober editan a nivel nacional vía Madrid (Junk Records) este miniCD de seis cancións. Gravadas nos estudios La Casa en llamas e compostas e producidas por eles mesmos, amosan unha mistura de electrónica cunha base máis acústica, relaxada, melancólica, íntima. como se procurasen dulcificar ese lado experimental. Bjork, Portishead, Cocteau Twins son nomes que pululan mentres se escoitan temas coma "Tú y yo no somos tan importantes", cun atractivo toque bossa, "Organ" ou "Vuelo sin motor" que apuntan a sa intención de pretender soar a eles mesmos, de obter un son e crear atmósferas propias. Fai falla ese chisco máis en "Satanás", "Tengo" e "El fracaso", que non acaban de convencer e deixan algo frío ao oínte, mais cabe lugar para o optimismo. PEPE CUNHA 16/01/07

abe rábade, guadi galego, ugía pedreira nordestin@s
nordestin@s
feliu ventura
alfabets de futur