

the raveonettes lust lust lust
Xa desde a introdución de "Aly, Walk With Me" apreciamos que o dúo danés segue con moitas das súas identidades (aposta polo retro, muros de son rodeando as armonías vocais home-muller, doo-wop, o r´n´r dos 50, ruído, a sinxeleza dos poucos acordes ...) mais tamén que desta vez xa procuran escapar da repetición. Din que dun centenar de cancións quedaron coas menos parecidas ao xa feito nos tres discos anteriores e a verdade é que o resultado é ben positivo, aínda que a sombra dos Jesus and Mary Chain segue a ser evidente. Sen perder a súa produción low-fi, o eco nas baterías ou as guitarras pesadas, entregan boas cancións como "Black Satin", "Hallucinations", "With My Eyes Closed", "You Want The Candy" ou "Dead Sound" (onde mesturan fuzz guitarreiros con campaíñas). Desde logo, séntalles ben a volta ao indie tras o fallido intento de chegar a máis público co "Pretty in Black". Iso si, é máis que probable que para o mesmo disco volvan a colleitar eloxios e malas críticas. PEPE CUNHA 20/1/08
nothink spotlights
Se podemos considerar comerciais e ambiciosos, no senso positvo da cualificativo, a Queens of the Stone Age, Foo Fighters ou Idlewild, Nothink poñen toda a forza dun contundente power trío de rock ao servizo dun segundo álbum que vai nesa onda, movéndose polo emo-rock e o metal por achegarmos algunha etiqueta, por momentos crus e case sempre melódicos. As boas críticas acadadas por “Bipolar Age” son máis que confirmadas no suposto álbum de confirmación, de aí que foran disco de mes de outubro para a revista Rockzone, o seu álbum tivera máis de 10000 descargas en poucos días na Internet e xa agarde por eles unha xira europea en marzo. Iso si, disparan a discreción con máis ganas que puntería aínda que o disco conteña moitos bos momentos. Mais se falamos de cancións “redondas” ou logradas, quizais sexan “Polaroids”, “Kill! Kill! Genocide”, “Enemy´s Meeting Point” ou o hidden track “Mexican Believer” as que destaquen por riba do resto. A atinada gravación foi dirixida por Santi García, que sempre procura algo novo no son, neste caso coa participación da Filarmónica de Kiev nalgúns temas como “Automatic Scars” ou “Silver Bridges to Heaven”. Dentro da súa corrente do máis destacada a nivel estatal no 2007. En myspace. Edita Aloud Music. PEPE CUNHA 20/1/08
lek mun infra leve
Esta formación barcelonesa foi semifinalista do Proyecto Demo 2007 e está composta por xente con xa certa bagaxe: Dani e Laura veñen de Maple, Edu foi teclado de La Habitación Roja e Ander toca o baixo en Five Mix Colors. O quinto membro, Francesc, aporta unha detallista guitarra q semella feita para acompañar a reconfortante voz de Laura, que brilla xa desde "Sailors" á par dunhas melodías moi ben traballadas de principio a fin reclamando a complicidade d@ oínte. "Historia de lo efímero", único tema en castelán e peche do disco, supón un prometedor é realmente deleitoso final para 40 minutos de música hipnótica, elegante, sensual, intensa, emocionante, suxerente, preciosista, melancólica. Todo iso é o primeiro álbum de Lek Mun, que ata nas cancións algo máis aceleradas ("Plans", "Round Trip" ou "Waiting & Action") non perde ese estado de placidez que domiña "Infra leve", unha experiencia relaxante e recomendable para amantes da música, por riba de estilos. Incluso nas cancioóns con ritmo máis acelerado (Plans", ), un Din que as comparacións son odiosas, pero por que non probar con Lek Mun en troques de Marlango, por exemplo? Edita SinLovers. MySpace. Distribúe Aloud Music. Fotolog. PEPE CUNHA 20/1/08
120 capadores. homenaxe aos diplomáticos
Un dos síntomas de que os complexos van quedando a un lado na música feita no noso país son estas reivindicacións dos que abriron camiño. E se houbo un movemento que facía música con personalidade galega, con selo propio, ese foi o rock bravú, cuxa cabeza visible foron, sen dúbida, Os Diplomáticos de Monte Alto. Porén, aquí temos unha recuperación do seu cancioneiro impulsada por Atreu e Komunikando.net. Un total de 21 cancións aparecen nestes dous cedés co engadido de 4 gravacións inéditas dos propos Diplos. Mais falemos xa dos resultados pois, como adoita acontecer cos discos de versións, resultan variados e sempre expostos ao xuízo persoal, a esixencia e as expectativas de cada oínte. Así, tras destacar especialmente a Banda Potemkim cun “Subastado” baixado de voltas e A Compañía do Ruído convertendo en swing o “Bestilleiro”, algunhas relecturas son orixinais (o “Marujo” dos Festicultores ou o "San Furancho" do Pulpiño Viascón), outras competentes e traballadas (Zenzar, Ruxe Ruxe, Lamatumbá, os asturianos Dixebra), outras son levadas a terreo propio con solvencia (Safari Orquestra, Nao, Galegoz, Cuchufellos, Os 3 Trebóns, O Sonoro Maxín e Taru e os paxaros de coiro facendo un reggae do ska “Nordés” ) e o resto pouco máis que limitándose a cumprir. Bótanse en falla unhas notas sobre os grupos ou as gravacións acompañando os textos de X. M. Pereiro, V. Neira, Richi, Antón Papaqueixo e Mangüi. Chamádeme popeiro, pero quizais se sacou máis partido das cancións de Andrés do Barro. Edita Falcatruada. PEPE CUNHA 20/1/08

