

varios artistas manifesto dobarrista: un disco tributo a Andrés do Barro
Como xa estará enterada a maioría do público medianamente activo, este é un dos discos do ano no país e todo un acontecemento. 30 bandas actuais revisan 28 pezas (os exitazos "O tren" e "Corpiño xeitoso" repiten) do cancioneiro deste ferrolán pioneiro do pop en galego. Moitos acertos nas relecturas, que constitúen, canda a necesaria reivindicación, o éxito deste proxecto. As cancións de Do Barro cobran actualidade e nova vida con Boy Elliott, Projecto Mourente, 6 PM, Nouvelle Cuisine, Fanny + Alexander, The Homens, Elodio y los Seres Queridos, Quant, Ataque Escampe, Misquious, Samesugas ... por citar as miñas favoritas dentro dun moi bo ton xeral. Hai variedade estilística e unha figura referente. A música en galego só pode seguir para adiante e este disco antóllaseme de obrigada adquisición para quen goste da música en galego ou queira achegarse a ela. Máis no fotolog de Abretedeorellas. e na web do Dobarrismo PEPE CUNHA 1/07/07
stay things you cannot see
Ver no listado de cancións un título como "We Need Neil Youngs" xa anima, e se a comezo do álbum trae á mente aos primeiros Sidonie polo pop psicodélico, coros e sitares, un non pode apartar os oídos prevendo unha ampliación da paleta sonora desta banda catalana. As cancións van sucedéndose sinxelas ou sofisticadas, acústicas, garaxeiras ou psicodélicas, con ben asimiladas influencias sixties dos Who, Arthur Lee, Neil Young, os Primal Scream máis stonianos en "Revelation of Soul", incluso o encanto de "Modern Ropes" soa ao mellor pop da tradición americana... En definitiva, un bo feixe de magníficas cancións soul, garaxe, psicodelia, beat, de efectivas melodías e liñas de hammond, sitar, farfisa ... para probablemente un dos discos do ano para quen gustamos da riqueza estilística dos 60. MySpace. PEPE CUNHA 1/07/07
runrig everything you see
Once novas cancións da banda liderada polos irmáns Carum e Rory Mac Donald, toda unha institución en Escocia. Con certo toque épico e folk, son ante todo unha banda de rock. Os seus textos son espirituais, políticos, históricos, maduros, como a súa proposta musical, algo AOR ás veces, pero de cancións con forza, retrouso ben pegadizo e melodías tan efectivas como "Year of the Flood", "The Ocean Road", "Atoms" ou "Clash of the Ash". O libreto inclúe as letras (un par delas en gaélico) traducidas ao castelán. Toda unha banda de directo (o último dos seus catro discos en directo xa pasou por esta web) que soa impecable nesta gravación. Non estará mal que caesen por estes lares. En you tube. PEPE CUNHA 1/07/07
peluze if nouns didn´t work ...
O primeiro álbum desta banda madrileña vén precedido de boas referencias. Aparece dous anos despois dun EP debut que xa os levara a tocar no Festimad do 2005 e tamén no Primavera Sound deste 2007, a onde foron chamados sen estar editado este álbum, estreado en exclusiva por Myspace España. Unha banda de rock nova, actual e contundente, que toca con rabia, intensidade e moi prometedores. Compróbao no seu mypace. Edita Aloud Music. PEPE CUNHA 1/07/07,


everything you see